Publicidade

Diário Liberdade
Segunda, 16 Abril 2018 16:18 Última modificação em Sexta, 20 Abril 2018 22:34

Milhares mobilizam-se na Galiza em defesa de "pensons dignas" e pola derrogaçom das reformas antioperárias

Avalie este item
(1 Voto)
País: Galiza / Laboral/Economia / Fonte: CIG

Milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG este domingo nas 23 manifestacións e concentracións convocadas pola central sindical ao longo de todo o país en defensa do sistema público de pensións e para esixir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados baixo o pretexto da crise económica.

 Unha recuperación que pasa pola derrogación das reformas das pensións, laborais e da negociación colectiva, como única alternativa para frear a pobreza e a precariedade que está xeneralizándose e asentándose de maneira alarmante.

“Se queremos evitar o risco de vivir en peores condicións que as xeracións anteriores, a clase traballadora ten que afrontar o desafío de intensificar a mobilización”, alertou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate da manifestación realizada en Lugo. Na súa intervención, Carril subliñou a firme decisión da central sindical de actuar diante deste deterioro, e para isto aposta polo enorme potencial mobilizador da clase obreira, como demostraron as mulleres traballadoras galegas o pasado 8 de marzo, como demostran os e as pensionistas en xornadas de loita como a deste domingo, como demostra o persoal de xustiza cunha greve que xa dura máis de dous meses ou o de Leche Celta, que tras semanas de paros laborais veñen de iniciar unha greve indefinida "para romper ese marco estatal de negociación colectiva que nos empobrece".

“Por iso hoxe, e de cara ao próximo 1º de Maio, dende a CIG convocamos esta xornada de mobilizacións, para seguir acumulando esa forza, e facemos un chamamento para camiñar cara a unha greve xeral, conscientes do que significa, pero no convencemento de que é a resposta necesaria ante o que estamos a vivir”, aseverou Carril.
“Emerxencia nacional e social”

A este respecto, puxo o acento na propaganda sobre o crecemento económico e a recuperación da economía coa que a diario nos bombardean, cando na realidade todos os indicadores públicos e oficiais evidencian que se está a producir un empobrecemento xeneralizado, de tal modo que, hoxe en día, ter un traballo non garante vivir en condicións dignas. O secretario xeral da CIG cualificou a situación actual como de “emerxencia nacional e social” a causa do asentamento imparábel da precariedade, dos baixos salarios, da pensións de miseria, do avance da pobreza e da explotación laboral.

Un deterioro do mundo do traballo e das condicións de vida que son o resultado da imposición durante estes últimos anos, primeiro co Goberno do PSOE e despois co PP, das reformas laborais, sociais, das pensións (que no caso da modificación de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT), das privatizacións e recortes nos servizos públicos e de toda a batería de medidas destinadas a saquear a maioría social. "Algúns saen hoxe a correr en convocatorias, pero nin sequera se atreven a sumarse a pedir a derrogación da reforma das pensións, cando foron cómplices de asinar un acordo que fai que agora teñamos unhas pensións empobrecidas", aludiu.

No caso galego, ademais, Paulo Carril denunciou a negativa do Goberno de Feixoo a tomar iniciativas que permitan que a riqueza dos nosos recursos sirva para crear emprego digno e industrialización na nosa terra e axudar a frear a sangría da emigración “e non para encher máis os petos de quen cada vez acumula máis riqueza lonxe de Galiza”.
Todo isto acontece, lamentou o secretario xeral da CIG, cun Goberno español do PP que aínda estando en minoría “mantén con man de ferro estas políticas, protagonizando a diario episodios de corrupción, que pretende agochar coa tiranía e a represión policial e xudicial, criminalizando a resposta social”. Foi moi crítico coa incapacidade das teóricas forzas da esquerda española para facerlle fronte ao PP e adoptar iniciativas que permitan tirar abaixo todas as políticas e contrarreformas “que tanto dano lle fan á clase traballadora”. “Teñen máis preocupación polo máster de Cifuentes que por parar o PP e os efectos das reformas laborais e sociais impostas, que manteñen o roubo e o saqueo ás maiorías sociais e ao pobo galego”, afirmou.

A greve xeral como ferramenta para recuperar dereitos

A clase obreira, destacou, "non pode quedar de brazos cruzados", non pode permitir a continuidade dos efectos da crise económica nin das reformas aprobadas baixo este pretexto. "A CIG está decidida a actuar, apostamos pola capacidade do pobo galego, da clase obreira galega, de mobilizármonos. Temos que afrontar o desafío de intensificar a mobilización para conseguir derrogar as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións”, animou Carril, utilizando para isto unha ferramenta fundamental que como clase temos: a greve xeral.

“Unha greve xeral para que o PP non siga facendo ouvidos xordos ao clamor social en demanda de pensións dignas; porque é o instrumento que temos para demostrarlle ao poder político e económico a nosa disposición de resistencia; pero tamén para loitar pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor maneira de responder aos abusos da patronal que se ve con todo a favor con este goberno e con estas leis”, destacou.
Nesta liña, Paulo Carril alertou do proceso de desmantelamento da negociación colectiva, coa paralización dos convenios, pretendendo rebaixalos e atacando as condicións laborais e salariais, favorecendo a individualización das relacións laborais e buscando acordos marcos estatais que non lles dan cabida ás necesidades da clase traballadora galega.

Camiñarmos cara a greve xeral tamén para dar resposta ás privatizacións e retallos nos servizos públicos e como resposta ao retroceso de liberdades democráticas e dos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza e da reforma do Código Penal. Este retroceso, apuntou o secretario xeral da CIG, ponse de manifesto coa brutal represión contra as e os traballadores que, como Carlos e Serafín, corren risco de entrar en prisión por exercer o dereito á greve, ou na existencia de presos políticos por defender os dereitos nacionais dos pobos que integran o Estado español.

“Desde a CIG estamos convencidos e convencidas de que é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para acadar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”, concluíu Paulo Carril a súa intervención.

Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas

Nesta xornada nacional de loita da CIG, en cada unha das mobilizacións deuse lectura ao manifesto que a seguir reproducimos:

O sistema público de pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita. E é a través da loita como temos que evitar que nolas rouben. Por iso estamos hoxe aquí.

Fártanse de nos dicir, por todos os medios e en todos os lados, que as pensións están en risco e que o seu futuro non está garantido. Mais sabemos que isto non é así, que usan esta mentira para provocar medo e facilitar a introdución dos plans privados de pensións, que só enriquecen ás grandes empresas e fondos financeiros que os xestionan.

Nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE, no 2011, como polo PP, pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que no 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que, coa entrada en vigor no 2019 do factor de sustentabilidade, pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, xa que canto máis maiores sexamos, pensións máis pobres teremos.

Esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP, complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. Por mor destas reformas, na actualidade preto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.
Ademais, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas de feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

Levamos anos denunciando isto, e mesmo desde a CIG convocamos unha greve Xeral no 2011, mentres UGT e CCOO aprobaban a reforma de Zapatero. A solución non está nos Orzamentos do Estado, está na derrogación destas reformas das pensións e a eliminación da política económica e laboral das reformas laborais, que xeran pobreza e explotación laboral.
Desde o Goberno de Raxoi pretenden facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas. Non caiamos na trampa. É a Administración a que debe garantir unhas pensións públicas dignas. E pode facelo, non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política. O sistema público de pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si mesmo.

Hoxe estamos aquí para defender un sistema público de pensións que permita unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e ás que veñen detrás, as nosas fillas e os nosos netos.

Na CIG temos claro que debemos propiciar a mobilización e a participación activa do colectivo das persoas pensionistas e xubiladas na esixencia de cambios na actual situación, mais tamén tamén de traballadoras/es. As pensións foron unha conquista da clase traballadora que se fixo a través da loita. E é a través da loita como se defenden, mesmo camiñando cara unha greve Xeral como demostración da loita polos nosos dereitos.

POR UNHAS PENSIÓNS DIGNAS!
DERROGACIÓN DAS REFORMAS LABORAIS E DAS PENSIÓNS!

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar