Os motivos, segundo apuntan diversos artigos publicados ultimamente nos que se analiza o caso de Andrés Bódalo, van desde impor dunha vez por todas un escarmento ao SAT, até motivos que teñen que ver coa actividade política de Bódalo: concelleiro pola candidatura Xaén en Común, e o seu encabezado da candidatura de Podemos ao Congreso dos Deputados por Xaén nas pasadas eleccións do 20 de decembro. O Estado non pode consentir que o SAT veña a perturbar coas súas protestas e accións simbólicas de grande difusión mediática a orde imposta polo seu partido en Andalucía -o PSOE- e contribúa a concienciar sobre a situación de marxinación, dependencia e subdesenvolvemento de Andalucía, concretamente entre quen máis sofre esa realidade de miseria e opresión: a clase obreira. Doutra banda, dá a sensación de que Bódalo é nestes momentos un refén que pode ser utilizado polo Estado contra Podemos, incidindo nas súas xa notorias contradicións internas e no escenario político xerado tras as eleccións xerais do pasado 20 de decembro en xeral.
Estando estas cuestións, tanto sociais como políticas, sobre a mesa, e sendo estas de suma importancia, non podemos deixar de lado outras reflexións que subxacen, como o tratamento dado polos grandes medios de comunicación ao caso de Bódalo. Non se trata soamente dunha brutal campaña de criminalización, ligada a todos os casos de represión política e social do Estado, vai máis aló diso e ten que ver con que Andrés Bódalo e a súa loita sindical e política representan unha realidade incómoda para o Estado español. Unha incomodidade, que unida á criminalización da protesta, incita ao desprezo, a burla e ao morbo, descontextualizando e, sobre todo, despolitizando o caso concreto.
A verdade pouco importa e coñecela menos aínda para un nacionalismo de Estado que é incapaz de analizar e comprender o que pasa en Andalucía e por qué, e que é incapaz de comprender persoas como Andrés Bódalo ou organizacións sindicais como o SAT. E non, non se trata soamente dun nacionalismo español rancio e de dereitas, non, trátase tamén dese nacionalismo español que por máis que tenta ser progresista non sabe ou non pode ou non quere escapar dos clichés impostos historicamente pola grande oligarquía española. O nacionalismo español iguala a aspirantes a progresistas e a reaccionarios confesos na súa visión de Andalucía e do pobo traballador andaluz.
España, ou mellor dito, a grande oligarquía española culpa ao pobo traballador andaluz dos problemas históricos que ela mesma provocou en Andalucía. Ao Estado español incomódao a realidade andaluza — unha realidade que el mesmo provocou de paro, miseria e marxinación — pero cando o pobo traballador protesta e reivindica os seus dereitos e se pon en marcha para solucionar politicamente eses problemas, molesta e incomoda, igual que molesta tamén cando cala e aguanta estoicamente. Dicía nos seus versos Antonio Machado aquilo de «Castilla miserable, ayer dominadora, envuelta en sus andrajos desprecia cuanto ignora»; precisando que a primeira vítima do nacionalismo español foi e é Castela e o seu pobo, se substituímos Castela por España, ou pola oligarquía española cosmopaleta - si, dixen ben, cosmopaleta - a do Ibex 35, e se tamén substituímos o deprezo pola represión e o encarceramento, todo o asunto de Andrés Bódalo e o tratamento mediático do seu caso adquire máis sentido. España non só despreza senón que reprime e encarcera canto ignora.
O caso de Andrés Bódalo exemplifica todo o que estamos a falar, é un caso de manual. Os programas matinais de televisión compiten os uns cos outros en presentaren Andrés Bódalo e o SAT como unha cuadrilla de matóns sen escrúpulos, un froito non desexado e incorrixible desa Andalucía que eles mesmos crearon e recrearon. Mentres, a cadea televisiva supostamente progresista do nacionalismo español, La Sexta, mófase, búrlase e rise de Andrés Bódalo e do SAT, recorrendo ao chiste fácil, ao primeiro que ven e teñen a man, e fano non soamente porque non teñen argumentos ou sinxelamente non dan para máis, ou non só por ese repugnante clasismo meritocrático que fomenta o nacionalismo pequenoburgués español, senón porque é política de Estado, porque detrás do Gran Wyoming, de Dani Mateo e de todos os bufóns da Corte de Felipe VI hai uns guionistas que reciben ordes precisas de facer o que fan.
Todo isto hai que comprendelo dunha vez, porque non se trata de renunciar a facer declaracións ou a intervir diante de determinados medios ou programas televisivos, pero si de non se deixar utilizar por eles e de cortocircuitar de raíz todos os intentos de manipulación. Somos nós quen debemos utilizalos a eles, e non ao revés. A batalla é comunicativa, e estas cuestións deben ser tidas en conta: ou utilizamos os medios para difundir que se cometeu unha inxustiza grave por motivos sociais e políticos, ou pola contra estaremos a alimentar os argumentos, baseados en mentiras e en estereotipos, do inimigo. Non é fácil, pero ese é o problema a resolver.
Andrés Bódalo foi encarcerado e con el esa incomoda realidade andaluza, esa realidade que molesta tanto ao Estado español. Na realidade, nese cárcere de Xaén II entrou todo un pobo, e sempre por diante, a clase obreira, especialmente a xornaleira. A nosa liberdade, a de cada un e cada unha de nós está en xogo e está en cuestión cada minuto que Andrés Bódalo permaneza en prisión. Isto é unha batalla que forma parte dunha guerra global: a loita de clases, no marco dunha nación oprimida: Andalucía: isto é unha batalla pola nosa liberdade.
ANDRÉS BÓDALO, LIBERDADE!
Antonio Torres (Antón) é membro da Comisión Permanente Nacional do SAT