Ponte Vedra acolhe como cada ano a convocatória deste grande fórum de debate monográfico, desta vez submetido a temas sanitários, com participaçom de médicos/as, ativistas políticos, ambientalistas, pesquisadores, académicas, jornalistas, etc.
Será entre os dias 17 e 21 de abril e a seguir reproduzimos o texto introdutório difundido pola entidade organizadora, seguido da programaçom completa do evento (Mais informaçons, no site do coletivo organizador, a Aula Castelao de Filosofia).
O que é a saúde?
Que é a saúde? Esta é a pregunta que nunca se faría o que está san, pois estar san consiste, ante todo, en saber o que é a saúde. Pero hai unha confusión, longamente alimentada, acerca das preguntas do tipo "Que é...?", as preguntas que buscan a esencia. Trátase de preguntas puramente "teóricas" que piden unha definición? Ou son tamén preguntas prácticas enfocadas a un certo "exercicio"?, a un saber da acción?
Sexa como for, a pregunta presupón unha certa perda da saúde como algo xa acontecido, como unha condición necesaria para a súa propia formulación, que só permite observar a saúde como aquilo que xa non temos, aquilo que se atopa xa quebrantado. Cando e como se produciu esta perda? Por que non podemos pensar na saúde se non é como aquilo que temos que recuperar? É a enfermidade unha condición natural do home e a saúde soamente a súa interrupción excepcional?
É máis, existe unha diferenza cualitativa entre saúde e enfermidade, ou o estado "normal" do home é o dunha certa proporción cuantitativa de saúde e enfermidade? E, en tal caso, é o punto de vista da medicina o único ou o principal para apreciar a saúde? Non supón iso unha certa "medicalización da vida"? Non se produciu neste punto un brusco xiro entre o punto de vista antigo e tradicional acerca da saúde e o moderno ou contemporáneo, desde o momento en que o obxecto da medicina non é a enfermidade senón a saúde?
E que ten que ver con todo o anterior o feito de que, no chamado "estado do benestar", a saúde dos cidadáns se convertera nunha cuestión de estado, no feito de que a enfermidade deixase de ser un asunto "privado" para alcanzar unha natureza pública e, nesa medida, se converte en obxecto das políticas públicas? É iso un sinal de que, como dicía Michel Foucault, a vida mesma dos homes, a súa saúde e a súa enfermidade, se convertéron en cuestións políticas? Quen pode hoxe pretenderse san? Quen podería repetir aquel fermoso dictum de Nietzsche: «Eu nunca estiven enfermo, nin sequera nas épocas de máis grave enfermidade»?