Faise necesario eliminar todos os vertidos directos á Ría e aos ríos que a conforman, separar definitivamente as augas fecais das pluviais, impedindo a chegada destas últimas ás estacións EDAR, estender a rede de depuradoras a todas as aglomeracións urbanas da Ría, adaptándoas ás necesidades reais de depuración e asegurando a calidade esixida para as augas de baño e cultivos mariños. Pero faise imprescindíbel tamén eliminar o vertido de ENCE pois, de calquera outro xeito, o saneamento será imposíbel.
Neste sentido, a recente concesión por parte do goberno en funcións do PP dunha prórroga de 60 anos á empresa ENCE, supón un duro golpe ás posibilidades de saneamento da Ría e a hipoteca do futuro da comarca, que verá imposibilitada a recuperación dos recursos naturais, das praias urbanas de Pontevedra, da saúde e calidade de vida das persoas e a creación de emprego, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais (pesca, marisqueo e monte) e turísticos. Pero non debemos esquecer tampouco o impacto que tería a permanencia de ENCE en Lourizán sobre o monte galego da man da eucaliptización, un proceso contrario á biodiversidade e a un mundo rural vivo e que favorece os incendios forestais.
E, lonxe de mellorar os seus niveis de vertido, ENCE opta –mais unha vez- polo camiño da chantaxe e do compra de estómagos agradecidos, un camiño que lle leva a ofertar un barco ás Confrarías a cambio de que muden a súa posición contraria á presenza de ENCE na Ría. Barcos a cambio de contaminación e deterioramento ambiental, económico e da calidade de vida e saúde da cidadanía; a cambio do silencio e do apoio incondicional ápermanencia de ENCE na Ría. Por iso, hoxe mais que nunca, é fundamental revogar esta prórroga como o é conseguir que o saneamento integral da Ría chegue a bo porto, un obxectivo que pasa por intensificar a mobilización social. Neste contexto, é fundamental que toda a comarca de Pontevedra se mobilice pola Ría camiñando hoxe 4 de xuño desde Marín e Pontevedra ata a fábrica de ENCE.
Antón Masa, presidente da APDR