Pero unha vez mais na MIBG perceben "a hipocrisía coa que esta a tratar este asunto o señor Alfonso Rueda". O creador do sistema de xestión privada dun servizo esencial para a cidadanía volve facer declaracións co único obxectivo de amedrentar aos traballadores e traballadoras que levan anos sufrindo o xugo e as condicións da xestión das empresas privadas, que se lucran a mans cheas de concesións nas que prevalece o interese económico sobre a calidade e eficiencia.
Esta estratexia do medo non é nova por parte da Xunta. Dende que se iniciou o proceso de reversión da xestión do servizo os bombeiros comarcais reciben mensaxes directa ou indirectamente de que quedaran sen posto de traballo e que seria mellor unha suba salarial e non alterar o modelo.
Se isto fose así, por que o señor Rueda pon de condicionante que a xestión directa non custe mais cartos ás arcas públicas? É mais inexplicable aínda tendo en conta que na recente concesión dos parques comarcais do Consorcio de Ourense se adxudicou unha partida de cartos o suficientemente alta como para que os bombeiros cobren 3000 euros brutos anuais mais que os compañeiros doutros Consorcios. "Agardamos que o feito de que goberne o seu compañeiro de partido na Deputación de Ourense non tivese influído nesa diferencia de trato, nin en que a aportación da Xunta nesa provincia sexa do 60%, fronte ao 50% das demais", comentan na MIBG.
Eríxense tamén como “defensores” dos dereitos dos traballadores, esixindo a garantía dos postos de traballo dos bombeiros e bombeiras. Obvian cinicamente que tal garantía sería contraria á lei, en tanto no acceso á función pública debe garantirse sempre a igualdade, mérito e capacidade. Non lles preocupou tal estabilidade cando as empresas expedientaron ou despediron a compañeiros de modo arbitrario, nin lles preocupa o futuro dos actuais traballadores que se poderán ver abocados a despedimentos obxectivos cando por idade a empresa considere que non son “produtivos”. Non lles preocupa que, ao contrario do resto do colectivo, os bombeiros de xestión privada teñan que xubilarse aos 65 ou 67 anos. Nin lles interesa advertir que no modelo de xestión indirecta nun cambio de concesión a priori nada forza a que se obrigue á empresa adxudicataria á subrogación do 100% do persoal.
Non son ignorantes, polo tanto saben perfectamente o que a lei establece, pero adoptan unha actitude farisea, tentando amedrentar ao colectivo e facendo declaracións alarmistas e confusas. Neste proceso a Xunta adopta unha actitude neutral e falsamente conciliadora para evitar asumir responsabilidades ao tempo que buscan o fracaso do cambio de modelo dun servizo esencial para a cidadanía. Debaixo desa actitude de “borreguiño” atopamos os dentes do lobo da privatización.
Prefiren poñer a pelota no tellado dos mais débiles a base de medo e inquedanzas, sabendo sobradamente que se pode seguir un proceso dentro da estrita legalidade que teña suficientes garantías para que os traballadores vexan valorados os méritos e capacidades obtidos ao longo de ata 14 anos de servizo e os poidan facer valer. Non só é posible, senón que a mesma Xunta ten acometido regularizacións similares (moitas veces mais cuestionables que o que neste caso se está a traballar), e contaría non só coa xustificación legal, senón que cumpriría cos criterios de eficacia e eficiencia que todo servizo público debe respectar, ao facer o proceso de cambio o menos disruptivo posible.
Da MIBG convidan o Señor Rueda cando queira a debater abertamente cos membros da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia todos os aspectos referentes a este proceso e que remataría de verdade coas verdadeiras inquedanzas do colectivo e dos cidadáns.
Dende a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia defenden e impulsan o cambio de xestión dos servizos e emerxencias privatizados, por ser mais eficiente e xusto para a cidadanía, mais adaptable ás necesidades futuras e mais social, pero tamén e sen ningunha dúbida, mais xusto e garantista para os propios traballadores que poñen a súa vida a disposición da defensa dos demais. "Facémolo de forma transparente e honesta, sen caer na mentira de prometer ou esixir ilegalidades, pero sen admitir tampouco a hipocrisía de quenes venden estar do lado dos traballadores á luz do día mentres na sombra manipulan e artellan para defender os intereses privados fronte ao ben xeral."