Cada día que pasa aumenta o malestar e a crispación do persoal do Álvaro Cunqueiro de Vigo co modelo de xestión privada escollido polo Sergas para o hospital, xa que dende a apertura do centro os problemas son continuos. Agora as que están en pé de guerra son as Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE), que iniciaron peches e mobilizacións contra a decisión da Xerencia da EOXI de imporñerlles o transporte das bolsas da roupa sucia unha vez que a empresa concesionaria da limpeza deixou de facelo. Hoxe sumáronse á súa loita traballadores/as de todas as categorías laborais do centro sanitario: enfermeiros/as, médicos/as, celadores/as, limpadores/as, etc.
Unha representación do colectivo de TCAE volveu pecharse no interior do vestíbulo principal do Álvaro Cunqueiro dende as 12:00 horas de onte até a mesma hora de hoxe para denunciar que a nova función que teñen que desenvolver lles impide ofrecer unha atención correcta a usuarios/as e pacientes.
Durante o peche o responsábel da concesionaria presentouse no lugar para esixirlles que retirasen os cartaces que teñen colocados nas paredes do centro -algo que levan intentando dende o inicio do conflito-, ao que se negaron lembrándolles que non obedecen instrucións de ningunha compañía privada xa que son traballadores/as públicos/as.
A obsesión dos responsábeis do hospital por silenciar as protestas chega até o punto que na mañá de onte, coincidindo coa visita do conselleiro de Sanidade ao hospital, foi o propio xerente da EOXI, Félix, Ruibal, o que retirou varios cartaces coas súas propias mans, momento que foi captado por varios/as traballadores/as cos seus teléfonos móbiles, tal e como se pode observar na imaxe da esquerda.
Ruibal foi hoxe precisamente o branco principal das protestas pola súa xestión e pola súa actitude. O persoal esixiu a berros a súa dimisión e concentrouse varios minutos ás portas do seu despacho.
E é que este mediodía, coincidindo co remate do peche, a Comisión de Centro chamou a todos/as os traballadores/as a unha mobilización na entrada principal “na defensa da nosa dignidade como traballadores/as, contra o seu modelo de xestión, na defensa dos nosos postos de traballo e por unha sanidade pública e de calidade”.
A convocatoria que tivo un seguimento moi importante, até o punto de que decidiron saír en manifestación até a rotonda da estrada Clara Campoamor, onde interomperon o tráfico por un breve espazo de tempo. A continuación foi cando se dirixiron ao despacho da Xerencia para reclamar a berros a dimisión do seu responsábel.