Publicidade

Diário Liberdade
Sexta, 08 Julho 2016 14:20 Última modificação em Terça, 12 Julho 2016 15:56

Entrevista à Fenda: Galegas e galegos em Madrid, orgulhosos e organizados contra os tópicos

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Migraçons / Fonte: Galicia Confidencial

[Manuel VIlas] Fenda é un novo colectivo de emigrantes galegos na capital do Estado. Nesta entrevista conxunta cos seus promotores, reivindican o seu dereito ao retorno e relatan a realidade nunha cidade que é "o principal destino da emigración" e na que viven "tantas ou máis galegas ca principais cidades da Galiza".

O papel da Casa de Galiza, o seu caracter apartidario pero politizado e o mercado laboral son outros dos temas desta entrevista.

Como xurdiu a idea de crear unha asociación de emigrantes galegos en Madrid que defenda a cultura do país? Proceden vostedes doutro colectivos organizados previamente?

A idea xurdiu entre diversas persoas que fomos coincidindo en Madrid en diferentes ámbitos e espazos (políticos, sociais, culturais, de lecer...) ou en algún caso por pura casualidade cando comezamos a falar da necesidade de impulsar un colectivo deste tipo. Coñecíamos experiencias previas que en décadas pasadas xogaran un papel importante non só entre a comunidade galega nesta cidade, senón de cara á articulación posterior de iniciativas no interior do país. Con esas referencias e partindo de reflexións compartidas lanzamos unha convocatoria aberta á comunidade galega en Madrid que chamaba a “constituír un colectivo para facer activismo político-cultural en chave nacional”. Movémola entres os nosos contactos e polas redes sociais e a asistencia desbordou as nosas expectativas. Ademais, a coincidencia sobre a necesidade do colectivo e o enfoque que lle queríamos dar era case total. A partir diso fixemos unha segunda reunión aberta na que xa fomos definindo o perfil, nome e estrutura do colectivo, até que nos presentamos publicamente e comezamos a camiñar.

Un dos seus obxectivos é o de actuar como unha “embaixada” que exerza de ponte coa Galiza, a través da que achegar e acoller actividades culturais do país. Non existe xa unha delegación da Xunta que acolle actos relacionados coa cultura galega?

Existe, mais o tipo de dinámicas que impulsa están (con algunhas excepcións) moi vinculadas a como entende Galiza e a nosa cultura quen dirixe actualmente as institucións autonómicas. Por tanto pensamos que o traballo que nós podemos facer vai moito mais alá e con un enfoque moi diferente, vinculada aos movementos sociais da cidade e con vontade de transformación. Un dos nosos obxectivos é precisamente superar certas dinámicas “folcloristas” que converten a nosa cultura nun obxecto fosilizado e de museo, e que a desvinculan totalmente da nosa realidade social e política. Nós entendemos a cultura non só como sinal de identidade a poñer en valor, senón tamén como ferramenta de revindicación e mudanza.

Cal é o perfil tipo das persoas que promoven Fenda? Son sobre todo mozos que chegaron nos últimos anos á capital expulsados pola crise económica?

Temos xente de todas as idades, mais cunha media de idade bastante baixa. O máis habitual é un perfil de xente moza que tivo que marchar fóra do país para completar os seus estudos ou atopar un posto de traballo digno (ou un posto de traballo a secas), mais tamén hai compañeiros que levan moitos anos na cidade e están asentados coa sua familia.

Teñen algunha estimación de cantos galegos viven arestora en Madrid ou de cantos puideron chegar nos últimos anos?

Os datos oficiais falan de case 80.000 persoas nacidas en Galiza e empadronadas en Madrid, mais sabemos que as cifras reais son moi superiores a iso. Por un lado porque hai xente que, aínda nacendo aquí como filla/o de emigrantes, segue a conservar plenamente a súa identificación co país e a nosa lingua, mais sobretodo porque hai moita xente que non aparece nos rexistros, especialmente a máis nova.  Madrid é hoxe o principal destino da emigración galega, e podemos dicir que nesta cidade probabelmente haxa xa tantas ou máis galegas como nas principais cidades da Galiza. Ademais, nos últimos anos a comunidade galega está a incrementarse especialmente a raíz da situación económica e do xeito no que esta se está a xestionar.

Fenda defínese como apartidaria pero cales son as súa coordenadas ideolóxicas?  Que postura pretenden tomar de cara as eleccións autonómicas do próximo ano? Cren que a maioría dos mozos que emigraron a Madrid nestes anos xa están censados aló polo que perderon o seu dereito a votar nos comicios galegos?

Definímonos como apartidarias pero en absoluto como apolíticas, pois entendemos que toda acción dirixida a intervir na realidade para transformala é política. Contamos con xente con diversas traxectorias militantes e de activismo en diferentes espazos políticos e sociais, tanto en Galiza como en Madrid, e pensamos que todas podemos convivir perfectamente en base aos criterios que nos definen:  a defensa dos nosos dereitos nacionais, a esquerda, o feminismo e o ecoloxismo. O noso traballo pretende ser de base e non ten aspiracións electorais ou institucionais, entre outras cousas porque parte de nós (os censados en Madrid) nin sequera temos dereito a voto no país, algo que tamén cómpre denunciar. Obviamente estamos nas antípodas de quen agora está a gobernar a Xunta e do propio marco autonómico como tal e queremos que avancen as opcións mais afíns ao noso proxecto en todos os terrenos, mais nós non nacemos para participar dese xogo. Parécenos sobre todo importante fortalecer o traballo de base nestes tempos que corren, nos que parece que a representación e as institucións son as únicas formas de participación política e nos que as mobilizacións sociais son cada vez menores ou están máis silenciadas. Cremos que a autoorganización é fundamental para conseguir mudanzas reais.

Moito se debate se existe recuperación económica real a pé de rúa, malia a paulatina caída das cifras do desemprego. Cal é a realidade sociolaboral dos emigrantes galegos mozos en Madrid? A que tipo de traballos poden acceder?

Obivamente a situación laboral é algo mellor que na Galiza, pois Madrid viuse sempre favorecida polo deseño centralista do Estado a todos os niveis (acumulación de poder e recursos, inversións, infraestruturas, etc.), mais iso non impide que os niveis de desemprego e precariedade sexan tamén moi altos. A tal “recuperación” para nós só o sería cando houbese condicións para que todas e todos os emigrantes poidan retornar ao país, mais nin sequera aquí en Madrid se percibe tal mellora significativa.

Entre quen participamos no colectivo hai de todo, desde xente que tivo que marchar obrigatoriamente para poder traballar do seu até outra que tampouco aquí ten esa posibilidade e alterna traballos precarios que se poden conseguir aquí con mais facilidade que no país.

Escoitaba o outro día un monólogo de Berto Romero no que se mofaba do portugués, por ser como o "galego pero aún mas triste". Até que punto perviven os topicazos sobre os galegos emigrantes entre a poboación española? A que se deben?

Seguramente a maioría das que  vivimos aquí poderiamos relatar algunha experiencia de burla ou minusvaloración, nas que identifican ás galegas cos tópicos que se construíron sobre nós. Un dos obxectivos de Fenda é precisamente rachar con iso, difundindo aquí a nosa realidade lonxe das caricaturas e os clixés que nos identifican como un pobo submiso e pasivo. Pensamos que é algo que vén de lonxe e que ten que ver en como se construiu o pensamento supremacista do españolismo en relación aos pobos negados por el, que se tentaron ridiculizar ou denostar para favorecer o seu sometemento. No caso galego iso foi moi evidente ao longo do tempo, e chega até hoxe provocando desprezo ou condescendencia desde fóra e tamén auto-odio no interior.

Cales son as primeiras actividades nas que están a traballar?

Polo momento estamos centrados en difundir o nacemento do colectivo porque sabemos que haberá moita máis xente interesada no proxecto en canto se nos coñeza. De feito, nestes poucos días xa contactaron con nós varias persoas novas. A partir de aí temos prevista unha festa para conmemorar o Día da Patria en Madrid. Despois diso, a nosa idea é comezar a traballar de forma mais estábel á volta do verán.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar