“Os bombeiros prestamos servizos de apoio nos incendios forestais cando estes se aproximan a vivendas ou zonas urbanizadas. É por isto que, comprobando o número de incidencias deste tipo nas que estamos a ser mobilizados nestas datas, espértasenos o temor de que se repitan episodios como os acontecidos no verán de 2006”
A principal diferenza na prestación do servizo hoxe en día con respecto ao ano 2006, radica en que actualmente os bombeiros que prestan o servizo á meirande parte de concellos galegos, é dicir, os que traballan nos Parques Comarcais, atópanse inmersos nun proceso de folga laboral que dura xa máis de 2 anos.
Esta folga ven motivada principalmente polo incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia por parte da administración autonómica. Mais a pesar disto, dende a Mesa Intersindical de Bombeiros (que reuniu hoxe ao seu comité de folga), enténdese que a situación excepcional de perigo na que se atopa Galicia esixe que se deixen de lado certas actitudes e se faga todo canto se poida por colaborar na redución dos efectos do lume nos nosos montes.
Por tanto, e de xeito puntual, a Mesa Intersindical promove que os traballadores dos Parques de Bombeiros de Galicia que se atopan en proceso de folga, aínda podendo acollerse a tal dereito fundamental, acudan aos postos de traballo sempre que sexan requiridos durante o seu tempo libre para reforzar as reducidas quendas de 2 ou 3 efectivos que hai por parque, para a atención de este tipo de incidencias de índole forestal.
Queda por tanto claro que, en base ao recollido nos convenios colectivos e contratos de traballo, estes efectivos (máis de 400 en toda Galicia) atenderán aos chamamentos feitos pola Administración a través das empresas concesionarias, a pesares de atoparse nun proceso de folga en virtude do cal non están obrigados a facelo.
Enténdase por tanto feito publicamente este ofrecemento á Administración, para que coa súa capacidade de xestión, conte coa forza de traballo deste colectivo, que sempre soubo estar á altura das circunstancias.