A cultura e os libros son fonte de reflexión, xeran debate e transmiten coñecementos e sentimentos. Son vehículo de novas ideas, vellos saberes e crean vencellos interxeracionais. No Centro Social Autoxestionado A Comuna (Verea do Polvorín, 35) son conscientes disto e queren dinamizar o cotiá a través da poesía e da cultura escrita durante todo o día de mañá sábado.
Comezaron hoxe (20/08) ás 12.00 horas inaugurando un mercado de libros de segunda man para que quen queira poida levar á casa por un prezo simbólico. Esta actividade prolongarase todo o día ata as 20.00 horas. Durante toda a xornada haberá petiscos para as persoas asistentes.
Xa pola tarde, o Grupo Surrealista Galego fará a súa Recitativa da Liberdade ás 18.00 horas, presentando a edición realizada por Manchea (imprenta + artefactos) do poema Liberdade de Paul Éluard. Mentres que ás 19.30 horas se presentará a Revirada Revista Feminista. Teremos tamén a ocasión de coñecer a persoa gañadora do primeiro certame de Poesía Feminista da Comuna, recitaranse todas as obras recibidas e, por último, levaranse á rúa.
O remate da xornada (a partires das 20.30 h) será o Aquelarre Poético, un encontro de recitado libre no que participarán grupos poéticos da cidade como Esbardalle, así como todas aquelas persoas que queiran recitar poemas propios ou de outras autoras.
Menos policía e máis poesía!
-
Título
Día do Libro na Comuna
Día
Sábado 20 de Agosto de 2016
Hora
Mercado de Libros con petiscos (12.00 a 20.00 h)
Recitativa da Liberdade, Grupo Surrealista Galego e Manchea (18.00 h)
Presentación de Revirada Revista Feminista(19.30 h)
Entrega de premios do I Concurso de Poesía Feminista da Comuna (20.00 h)
Aquelarre poético (20.30 h)
Lugar
Centro Social Autoxestionado A Comuna
(Verea do Polvorín 35)