Diante disto, desde Touradas fóra de Pontevedra (TFP), coñecedores de que o citado torneo medieval é a principal razón que sinala o goberno municipal para manter o famoso convenio (este ano 38000 euros) con eses empresarios taurinos, queren facer pública a súa opinión:
Desde o noso punto de vista como abolicionistas rexeitamos que o diñeiro público acabe nas arcas do empresariado taurino. Para o colectivo "isto nunca terá xustificación porque son recursos que axudan, por pouco que sexa, a manter un negocio que se tivese que vivir en exclusiva do movemento económico que xera non se sustentaría. Por pór un exemplo, estalles saíndo gratis o mantemento anual da praza aos Lozano grazas ao convenio?"
É por isto que reclaman que o convenio sexa eliminado e que se busquen alternativas para as actividades que actualmente utilizan de algunha maneira a praza.
Loxicamente isto inclúe o torneo medieval da Feira Franca, que con vontade e imaxinación pode ser substituído por outras actividades que dinamicen outras zonas da cidade durante o sábado da Feira Franca. Teatro clásico, dar maior relevancia à música e danza de época ou mesmo a reformulación do torneo medieval de maneira que non se teña que empregar a praza son só algunhas ideas que aportamos.
Touradas Fóra de Pontevedra entende que unha institución como o Concello de Pontevedra ten recursos máis que suficientes para buscar alternativas que permitan manter o nivel da Feira Franca garantindo que non haxa acumulacións excesivas de persoas nunha mesma zona da cidade.
Pensan, en definitiva, que é unha cuestión de vontade política e que o uso da praza non é absolutamente imprescindíbel. E ademais consideran que, fóra do torneo medieval, o resto de actividades nas que se emprega a praza poden ser doadamente substituídas ou suprimidas.