Cando as mulleres son máis conscientes dos seus dereitos, os exercen e, ademais, existe un fluxo de información veraz e actualizada sobre os coidados relacionados co parto, a atención recibida e prestada é máis satisfactoria para todas as persoas involucradas no proceso. Isto é o que pensan na asociación El Parto es Nuestro - O Parto é Noso, que este venres acudirá ao Centro Social Autoxestionado A Comuna (Verea do Polvorín, 35) para falar da súa experiencia neste eido e de como a consulta á muller e súa decisión sobre o seu propio parto evita experiencias negativas durante o mesmo.
A asociación está presente en Galicia dende 2006 e reivindica un maior respecto e protección cara os dereitos das nais e dos fillos, polo que esixen que se modernice o sistema de atención obstétrica do estado. Este colectivo explica que o modelo actual xera un ámbito institucional de discriminación e de violencia cara á muller. Consideran tamén que non se ten tido en conta a participación feminina no deseño dos programas sanitarios. En xeral, o seu obxectivo é que ningunha nai sexa maltratada durante o parto e que todas as crianzas teñan un nacemento respectado, o cal inclúe a supresión das cesáreas innecesarias, evitar os traumas durante os partos vaxinais e a consideración ao aspecto emocional na atención xinecolóxica e obstétrica.
El Parto es Nuestro - O Parto é Noso funciona especialmente como grupo de apoio para nais que sufriron malas experiencias e grupo de difusión da información para que aquelas que van a dar a luz teñan toda a información necesaria acerca do xeito no que se atoparán máis cómodas, tranquilas e felices durante o embarazo, o parto e a lactación.
-
Título
O Parto é Noso, que nolo devolvan
Día
Venres 9 de Setembro de 2016
Hora
19:00 horas
Lugar
Centro Social A Comuna
(Verea do Polvorín, 35)