O STEG vén de presentar por rexistro unha solicitude á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que abra un prazo extraordinario para a solicitude de axudas para a adquisición de libros de texto para o curso 2016/17 por parte das familias en risco de exclusión social.
A organización tivo coñecemento de que moitas familias nesta situación, por un ou por outro motivo, non puideron completar en tempo a solicitude de ditas axudas, o que na práctica as obriga a facer un desembolso económico que compromete moi seriamente a súa subsistencia neste comezo de curso e que implica en moitos casos, que o alumnado non dispoña do material preciso para poder ter un normal desenvolvemento escolar e académico.
Doutra banda, o STEG sempre defendeu a gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado do ensino público sen excepción así como o seu uso solidario e compartido dun ano para outro, no camiño de garantir o acceso universal á educación por parte de toda a cidadanía sen excepción, coidando especialmente aqueles colectivos e persoas máis desfavorecidos.