Cando se cumpren doce anos do seu falecemento, e sendo este o ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, Manuel María recibirá a homenaxe da cidade que el escollera para vivir unha vez chegado á súa xubilación. O Teatro Rosalía da Coruña acollerá o espectáculo “Lúas de Outono” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén celebrando anualmente por estas datas e que este ano xa chega á súa edición número oito. Será mañá martes día 20, ás 20:30 horas, sendo a entrada gratuíta e libre até completar o aforo.
No espectáculo deste ano, os poemas de Manuel María sentiranse a ritmo de rock interpretados polos Diplomáticos de Montealto, grupo con máis de 25 anos de percorrido musical, con algunhas interrupcións, mais sempre desde Monte Alto, o barrio da cidade en que tamén se asentou Manuel María cando pasou a residir na nosa cidade.
Completarase a velada coa actuación do Grupo de Cámara de Santiago composto pola soprano Esperanza Mara, o piano de Miguel Vizoso e o clarinete de Marina Abuín, que interpretarán cancións musicadas por Xosé Carlos Seráns.
O evento conta coa colaboración da Deputación e do Concello da Coruña.