Cinco colectivos de Ponteareas, Adenco, Ponte Solidario, PAH, Círculo Feminista e Festival das Brétemas asinaron un comunicado conxunto para informar ao Concello da súa decisión de rexeitar a proposta de cesión dun local da estación de autobuses ofrecida polo Goberno municipal.
A necesidade de locais públicos para poder desenvolver as súas actividades é unha reivindicación destes e outros colectivos da vila desde que pasaron os primeiros 100 días do actual goberno sen cumprir esta promesa electoral.
O rexeitamento ao espazo ofrecido débese, en primeiro lugar, a que o local non require as condicións necesarias e solicitadas por estes colectivos, tanto de espazo como de uso; o local é de pequenas dimensións e non se permite o almacenaxe de útiles no mesmo.
Por outra parte, o acordo proposto polo Concello non garante ningún tipo de estabilidade temporal, posto que o contrato de cesión será “ata que así o decida o Concello e, en todo caso, ata que a Xunta de Galicia recupere a propiedade do mesmo”, feito que o Goberno local solicitou formalmente á Xunta. No propio informe xurídico que se remitiu, aconséllase que o Concello solicite a autorización da cesión á Xefatura territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia, propietaria do local. Este documento garantiría a tranquilidade necesaria aos diferentes colectivos para poder facer uso do local.
É moi preocupante a escasa profesionalidade mostrada polo Concello para resolver este problema, posto sobre a mesa hai máis dun ano, para o que non propuxo ningunha solución, esta proposta foi suxerida por un colectivo e todo avance se debe á presión constante dos colectivos. Mostra desta ineficacia é que o contrato de cesión non se corresponde co prometido polo propio alcalde nunha reunión celebrada con estes colectivos o 21 de outubro: o documento refírese a un local diferente e os gastos de luz e auga pasan a correr a cargo dos colectivos e non da administración municipal.
Con este contrato tamén se manifesta a escasa preocupación do Goberno local por apoiar aos colectivos locais, xa que se obriga aos mesmos a proceder “cando sexa preciso, ao pintado, ou revogación das paredes e todas as reparacións precisas das instalacións do local obxecto de arrendo”. Dita obriga do mantemento da estación de autobuses na fachada exterior está fora das capacidades destes colectivos. Ademais, mediante este contrato non se respecta a liberdade de expresión dos colectivos xa que estipula que só se poderán colocar rótulos no exterior coa autorización previa do Concello.