A Coruña, 9 de Novembro de 2016 – Cada gaseiro que entra no estuario ferrolán é recibido cunha concentración do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, colectivo que afirma que o caso de Reganosa é un dos exemplos máis claros das peores prácticas políticas e económicas que sufriu o país nos últimos anos e das súas consecuencias. Co motivo de que non se repita e se difunda esta loita, a agrupación acudirá ao Centro Social Autoxestionado A Comuna para explicar esta problemática a partires das 20.00 horas.
Esta plataforma afirma que a instalación da planta de Gas Natural Licuado (GNL) de Reganosa na Ría de Ferrol está rodeada de especulación urbanística, decisións políticas que buscan favorecer
intereses privados, infraestruturas innecesarias, un sistema enerxético inxusto, elevación do prezo da electricidade, dano ao medio ambiente e manipulación informativa. Sosteñen que a infraestructura situada en Mugardos non foi outra cousa que un agasallo posto nas mans
dunha empresa privada (neste caso o Grupo Tojeiro), que se enriqueceu sen tomar apenas riscos económicos e sen competencia.
O colectivo terá a oportunidade de explicar as numerosas ilegalidades que se cometeron no proxecto e funcionamento da planta como, por exemplo, o acordo do goberno eximindo a Reganosa da Avaliación de Impacto Ambiental ou que, pese a varias sentenzas do Tribunal Supremo anulando as Autorizacións Administrativa e de Funcionamento, as instalacións continúen activas.
Título Reganosa, ilegal e perigosa, Fóra da Ría polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
Día
Xoves 10 de Novembro de 2016
Hora
A partires das 20.00 horas
Lugar
Centro Social A Comuna (Verea do Polvorín, 35)