Un lince, si señores; Lenin en decembro de 1916 dicía que non vería o que, xusto un ano despois, estaría a dirixir co Partido Bolxevique, a primeira revolución obreira triunfante, e con percorrido temporal, da historia.
Vén a conto esta anécdota, porque este ano que entra vai haber artigos de todos os tipos para conmemorar, criticar, deostar e mentir, sobre eses días que cambiaron o mundo gústelles ou non aos burgueses e os seus apoloxistas de calquera cor.
A revolución de outubro non se entende sen esa figura, sen Lenin, e a súa gran obra, o Partido Bolxevique.
Lenin fixo grandes achegas ao marxismo; completou dunha maneira maxistral a análise do Capital, ao definir o Imperialismo, na súa fase actual, como a superior (e de decadencia) do capitalismo, cuxa esencia é o dominio do mundo polo capital financeiro. Tamén fixo achegas na economía, na análise das crises económicas, tan de moda agora, en obras como Sobre o Problema dos Mercados. Polemizou cos primeiros populistas, os que dan orixe ao nome, os narodniki rusos, en Quen Son os Amigos do Pobo.
Derivado da caracterización do imperialismo, a definición de nacións opresoras e oprimidas, permite ter claridade na loita polo dereito das nacións á autodeterminación.
Así mesmo, xunto con Rosa Luxemburgo, Trotski, e uns trinta máis de revolucionarios, comprenderon o verdadeiro carácter da I guerra, como Interimperialista, e levantaron a política correcta de "guerra á guerra" na Conferencia de Zinmerwald, de onde xurdiría a III Internacional.
Sen dúbida cometeu erros, como o que corrixiu coas Teses de Abril do 17; pois antes delas, Lenin consideraba que a revolución rusa era esencialmente burguesa, que só unha alianza entre a clase obreira e o campesinado pobre podería levar adiante.
Pero o que dá a Lenin ese carácter de individuo que a burguesía non pode mercantlizar, como fixo con outros revolucionarios, é a comprensión da necesidade do partido para o triunfo da revolución; un partido que non transixe cos oportunistas.
“A época imperialista non tolera a coexistencia nun mesmo partido de elementos de vangarda do proletariado revolucionario e a aristocracia semi pequeno burguesa da clase obreira, que se beneficia das migallas, dos privilexios proporcionados pola condición ‘dominante’ de ‘a sua’ nación. A vella teoría de que o oportunismo é un ‘matiz lexítimo’ dentro dun partido único e alleo aos ‘extremismos’ converteuse hoxe en día no engano máis grande á clase obreira, no maior obstáculo para o movemento obreiro” (O socialismo e a guerra)’´
Para Lenin, a diferenza da inmensa maioría dos marxistas daquel momento, e dos progresistas de hoxe, o capitalismo imperialista non “fomenta” a paz e a democracia, senón a guerra e as ditaduras -sexa a súa forma dura, militar ou fascista, sexa a súa forma branda da reacción democrática-.’
Lenin caracterizaba o século XX -e polo que vemos do XXI, seguimos nas mesmas- como o “das guerras e as revolucións”. Por iso non podía transixir cos oportunistas, porque estes, ao final, sempre claudican todo o máis atrasado da sociedade e, como a súa base social a aristocracia obreira (a que vive das migallas do capital), porase de parte do capital e os seus estados.’
Por iso, para el o partido non podía transixir; porque a esencia e o fin, se se quere até teleolóxico, dese partido era facer a revolución; é dicir, guerra aos que fomentan a guerra. E por iso, a gran obra de Lenin foi o Partido Bolxevique, pois a pesar de todos os erros, incomprensións e dúbidas, foi o único capaz de entender até o final que en 1917 só a expropiación da burguesía e a revolución obreira podían parar a guerra.