A FPG enviou para o PCC umha carta reivindicando a herança do "grande revolucionário cubano", com ocasiomdo falecimento de Fidel. A FPG, historicamente no ámbito da esquerda independentista galega embora atualmente coaligada com partidos social-democratas espanhóis, explica na carta que Cuba demonstrou na prática como o socialismo conduz para melhores condiçons de vida para a maioria social.
Reproduzimos a seguir a carta da FPG ao PCC na sua ortografia original:
No pasamento do Comandante en xefe Fidel Castro, lider da Revolución cubana, dende a Frente Popular Galega, como partido internacionalista, non podemos deixar pasar a ocasión para reivindicar o legado do grande revolucionario cubano, da súa loita, do seu exemplo e dos seus logros.
Sen lugar a dúbida, estamos ante unha fígura histórica dunha importancia indiscutíbel, tanto polo seu significado como polas súas achegas tanto teóricas como prácticas. Unha figura amada e respectada polas clases desherdadas do mundo e polos pobos en loita pola súa liberación.
Nun primeiro termo, a loita nacional-popular iniciada coa Revolución cubana significa un espello emancipador para moitos pobos do terceiro mundo, paradigma que Cuba exportou a África, Asia e América Latina, a Tricontinental, cun inquebrantábel alento antiimperialista e solidario.
Dende a irrupción da súa Revolución, Cuba tamén nos aprende formas avanzadas de democracia popular desenvolvendo sistemas electorais participativos e nos que calquera persoa que resida na illa pode ser elexida pola súa veciñanza sen importar a súa situación económica ou política.
Pero non só iso, o desenvolvemento de Cuba posterior á Revolución, cos espectaculares avances en materia educativa, sanitaria, deportiva ou científica, demostraron que unha nación humilde pode saír da pobreza aplicando o socialismo para mellorar as condicións de vida de todo o seu pobo.
E todo malia as continuas agresións do imperio ianqui e dos seus aliados en forma de embargos, intentos de invasión, bloqueos económicos, agresións terroristas e sabotaxes. O propio Fidel Castro foi vitima de centos de intentos de asasinato organizados pola intelixencia estadounidense.
Nestes días asisitiremos a unha campaña mediática para difamar, insultar e mentir sobre a figura de Fidel Castro, e é que o imperio e os seus lacaios non lle perdoan a súa ousadía, a súa vitoria e o seu legado. Unha campaña condenada ao fracaso polo grande peso que ten o Comandante entre as clases populares do mundo.
Nós, comunistas de Galiza, estamos tamén aí. Do lado das clases humildes do planeta, dos que aman a liberdade e prosperidade, dos pobos que loitan pola súa soberanía e independencia, homenaxeando o Comandante Fidel. Un dos nosos.
A súa loita continúa. A nosa loita continúa.
Até a vitoria, sempre!
Comité Central da Frente Popular Galega