O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Os Campos de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora son a continuación dos traballos desenvolvidos ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que comezaron en 2007. En 2016 realizarase un campo de voluntariado ambiental, co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil, a fin de semana do 20, 21 e 22 de Maio. O voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención, e contará con seguro de accidentes.
Os voluntarios e voluntarias traballarán na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea (localizados no LIC río Tea ES1140006). As especies a eliminar son plántulas de dúas árbores (Acacia dealbata e A. melanoxylon) coñecidas vulgarmente como mimosas, tamén se eliminarán árbores de falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e pequenas matas de bambú (Phyllostachys spp.) e tintureira (Phytolacca americana). Ademais actuarase sobre outras herbáceas invasoras que poidan aparecer durante os traballos de seguimento como se fixo en ocasións anteriores.
Na xornada de traballo explicarase de maneira práctica os pasos a seguir para que o grupo de voluntariado poida levar a cabo os traballos axeitadamente e desenvolver así o programa.