Publicidade

Diário Liberdade
Sexta, 20 Mai 2016 16:30

Crianças e adolescentes de Vigo carecem de unidade específica de hospitalizaçom em saúde mental

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Saúde / Fonte: MGSM

Hai agora un ano fíxose publicidade oficial da posta en marcha, cando se iniciara o funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para poboación infantil e adolescente con seis prazas, que sería referencia para a hospitalización desa poboación das provincias de Ourense e Pontevedra.

En 2012 abriuse no Hospital Clínico de Santiago a única unidade deste tipo existente ata agora en Galicia. Daquela xa fora contestada por chegar tarde, por dotacións insuficientes e por redución moi importante do proxecto inicial. Daquela tamén se abusou pola Consellería de Sanidade da publicidade, presentándose como realización inmediata durante dous anos o que só era un proxecto e, ó final, naceu reducida e co seu equipo asistencial incompleto.

As Unidades específicas de saúde mental para a asistencia en réxime de hospitalización da poboación de menor idade é unha esixencia legal con valor de Lei Orgánica de obrigatorio cumprimento dende o ano 2000, e xa foi incluída como mandato para tódolos paises na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia da Asemblea Xeral da ONU en 1989.

Galicia ten un atraso intolerable na creación destas Unidades. Mentres noutras Comunidades autónomas foron avanzando, no noso país só se creou unha en Santiago e insuficientemente dotada. Ese atraso esténdese a toda a atención da saúde mental da infancia e da adolescencia: Galicia carece de plan específico, limítase á baixa a idade de acceso aos servizos, non ten nin un só hospital de dia, as Unidades ambulatorias están sobrecargadas, a infradotación profesional é a norma (ata a quinta parte de psicólogos clínicos e a terceira de psiquiatras dedicados a esta poboación polo SERGAS en comparación con outras Comunidades Autónomas).

A pesar de toda a publicidade sobre esta cuestión despregada polo SERGAS nestes anos a realidade da Área de Vigo, e con ela das provincias do sur de Galicia, é que a día de hoxe carece da Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para infancia e adolescencia sen que se coñezan os tempos para a súa apertura.

Pero máis grave resulta, para o Movemento Galego da Saúde Mental, que, "como consecuencia desa carencia de Unidade de Hospitalización específica, os menores son ingresados en habitacións na Unidade de Hospitalización de Adultos, na cal para evitar que compartan espazo cos pacientes adultos ingresados nesa Unidade ven restrinxida a saída do seu cuarto. Estas condicións de hospitalización infantil e xuvenil son intolerables, lesionan os dereitos dos menores, comprometen a eficacia terapéutica e insultan ó sentido común".

"Non é aceptable que por un día máis en Vigo se careza desta Unidade de Hospitalización: porque é obrigatoria legalmente, porque é necesaria asistencialmente e porque xa foi máis que rendibilizada publicitariamente polos responsables do SERGAS".

Movemento Galego da Saúde Mental

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar