Publicidade

Diário Liberdade
Quarta, 11 Janeiro 2017 04:44 Última modificação em Quinta, 12 Janeiro 2017 17:25

Direitos laborais na Mercadona: apoio para María López, delegada da CIG

Avalie este item
(5 votos)
País: Galiza / Laboral/Economia, Batalha de ideias / Fonte: AA/DL

[André Abeledo Fernández] Coñezo a María López, que como eu traballa en Mercadona e os dous somos sindicalistas. María é agora a cabeza visible na denuncia da situación dos dereitos laborais en Mercadona despois do seu paso polo programa “SALVADOS” de “LA SEXTA”, pero a súa loita ven de antigo, como a miña e a de outras compañeiras e compañeiros.

Podo poñer a man no lume por María López, pero non tan so porque a coñeza e comparta con ela a camaradería de ser ambos a día de hoxe afiliados a CIG, delegados de persoal e membros da sección sindical da CIG en Mercadona na Provincia da Coruña.

No meu caso despois de once anos na empresa sei como funciona, ademais tamén fun presidente do anterior Comité de Empresa, un comité de 17, “curiosamente” todas e todos de CCOO, naquel momento eu era afiliado a CCOO, e cando o coñecín enfronteime ao “acordo” que os dous sindicatos maioritarios teñen con Mercadona, por iso agora estou na CIG.

Eu tamén fun liberado por CCOO durante tres meses en Mercadona, unha das peores etapas da miña vida, fun o que les dan en chamar “xerente sindical”, ou intentaron que o fose, pois negueime a actuar como parte de RRHH e continuei tentando actuar como un verdadeiro representante das traballadoras e traballadores.

Retiráronme a “liberación” despois de negarme a desconvocar as mobilizacións en protesta que levamos a cabo en Ferrol tras o despido dun compañeiro logo de secundar a folga xeral, unhas mobilizacións desconvocadas oficialmente por CCOO tanto na súa páxina da Federación de Comercio como na do Sindicato Nacional, o motivo segundo o seu comunicado “para preservar as boas relacións do sindicato con Mercadona”.

Vivín tamén a campaña para poder presentar unha candidatura de verdade en Mercadona e sufrín como o resto das miñas compañeiras e compañeiros a actuación dos “liberados” de UGT e CCOO desprazados a la provincia de A Coruña para facer o traballo sucio de tentar tombar a  nosa candidatura por todos os medios.

Sufro tamén o “funcionamento” arbitrario dun sistema de primas totalmente subxectivo, pois no meu caso tampouco a cobro por non estar “suficientemente comprometido coa empresa”, unha prima que funciona como a cenoura que se pon diante do burro para que traballe máis rápido  antes de darlle o pau nas costas, unha prima que funciona como premio ou castigo segundo como te “portes”, dependendo si entregas ou non a tu vida a empresa, debo aclarar que está prima pode supor ata dous meses de salario. 

Coñezo as presións por estar de baixa, a min tamén retiráronme o “complemento salarial”, uns 300 euros dependendo do caso, por negarme a coller a alta voluntaria cando a medica da empresa o esixiu.

Vivín tamén as dificultades para poder exercer o meu dereito a unha redución de xornada por conciliación familiar para poder coidar e desfrutar dos meus fillos, e sei como a empresa converte este dereito nunha simple redución de xornada e salario cando tenta presionar as traballadoras e traballadores a adaptarse as necesidades da tenda por enriba das necesidades do menor.

Por todo isto e moito máis sei moi ben que María López di a verdade, en todo caso quedouse corta, por ese motivo decidín facerme eco da seguinte entrevista realizada a María o 29/11/2016, unha entrevista a unha muller valente e exemplar que subscribo ao 100% como compañeiro de traballo e sindicalista.

André Abeledo Fernández, Concelleiro de EU Narón, militante comunista e sindicalista organizado na CIG. Delegado de persoal e membro da Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia de A Coruña.

 

Entrevista no Avantar a María López

“María López, de Mercadona: "Non actúo dende o resentimento, eu fago sindicalismo"

A delegada da CIG afonda no modelo de relacións laborais na empresa, tras a polémica xerada polo programa 'Salvados'

O programa emitido por La Sexta o pasado domingo sobre Mercadona está xerando unha acalorada polémica e abre un debate sobre as condicións laborais e a vulneración das liberdades sindicais dentro da empresa. Falamos con María López, delegada pola CIG e unha das protagonistas do programa que nos debulla polo miúdo como son as relacións laborais en Mercadona, que ocorre co persoal que cae enfermo , en que consiste o "sistema calidade total",  cal é o papel que xogan CCOO e UGT, ou como utiliza a compañía a prima de beneficios para influír no comportamento das traballadoras e traballadores.

En primeiro lugar, como vives a repercusión que está tendo a túa intervención no programa?

 A palabra que atopo é abrumada. Abrumada pola reacción positiva das compañeiras e compañeiros, das e dos clientes, de amigas e amigos, etc. Pero tamén con normalidade, porque isto para min é un traballo sindical máis. Agora eu convertinme na cara visíbel, pero esta loita vén de hai seis anos atrás. De 2010 a 2014 sufrín unha situación de persecución constante, mesmo tentaron orquestrarme un despedimento. O que me salvou foi realizar unha actividade sindical aberta e clara aínda non estando no Comité. E por fin en 2014, conseguimos representación no Comité.

Esta é unha empresa que ten un marcado carácter sectario, onde falta de liberdade e predomina a cultura do medo"

Contra do que se comenta por aí, eu non me quero ir de Mercadona, eu quero traballar con dignidade. Fun a Salvados porque me chamaron e considero isto como unha actividade sindical como outra calquera, vou alí e digo a verdade. Ver compañeiras chorando día tras día faime sufrir máis que se me acosaran a min. En Mercadona existe medo. É unha empresa que ten un marcado carácter sectario, onde existe unha falta de liberdade tremenda e onde predomina a cultura do medo. O que pretendemos dende a CIG é cambiar esa situación.

Que supuxo para ti presentarte nunha candidatura pola CIG?

Presentarme pola CIG supuxo a perda da prima dese ano (2010), pero atrás diso veu unha situación de atafegamento continuado. De feito, logo da empresa perder o xuízo, aprobáronme a prima, mais os dous anos seguintes (2012-2013) non ma deron. Dentro dunhas semanas temos xuízo por esta cuestión. En 2014 volvéronma conceder porque acababa de saír elixida delegada de persoal e resultaba moi escandaloso que me denegaran a prima.

En canto aos rumores de se quero que despidan ao meu encargado, pois non quero, el fixo o que lle mandaron. O que quero é que cambien as condicións de traballo en Mercadona, non que despidan a xente. Eu non actúo dende o resentimento, eu fago sindicalismo.

Cal foi a reacción da empresa?

Inmediatamente despois da emisión deu orde de que os/as encargados/as preguntaran a todos os traballadores e traballadoras cal é a súa opinión do programa, de maneira individualizada. Houbo centros nos que se fixo a recollida por escrito, noutros verbalmente e mesmo a persoal que estaba a quendas se lle mandou a pregunta por whatsapp. Parece unha caza de bruxas e un intento de identificar "disidentes".

Pero que pasa, que no entorno de medo que existe, o persoal nunca vai dicir o que pensa de verdade, limitarase a unha resposta neutral ou a favor da empresa. Quen se vai posicionar en contra?.

Como son as relacións laborais en Mercadona?

No momento no que non te identificas cos principios empresariais quedas sinalada. En Mercadona aplícase o sistema de calidade total. Existe un libro con sete principios (agora engadiron dous máis), que cando entras en Mercadona tes que interiorizar, e sobre o que che fan un exame oral. Cando o aprobas xa estás dentro da "seita". Nese sistema, identifícase ao "xefe" co cliente e esíxenche entrega total, incluso na túa vida privada, e dentro desa entrega entran cousas como regalar as horas extras.

Aplícase un sistema de calidade total. Existe un libro con sete principios que cando entras en Mercadona tes que interiorizar e sobre o que che fan un exame oral".

O principio básico das relacións laborais nese sistema é a "confiabilidade" entre o empresario e a traballadora ou traballador. Ese principio está preparado para destruír calquera tipo de reivindicación por parte dos/as traballadores/as. Apuntarme na candidatura da CIG fíxome perder esa "confiabilidade".

E nese sistema, a prima é un instrumento básico non de remuneración, senón de submisión e de eliminación de calquera clase de capacidade reivindicativa. Nun sector historicamente mal pagado, unha prima que pode ser dúas veces a túa nómina é un elemento de chantaxe brutal, que ademais non se dá seguindo ningún criterio obxectivo. Con ela preténdese fomentar a delación, a insolidariedade, e a coerción.

Iso non o inventou Mercadona, pero si que se aproveita das necesidades dos traballadores/as. A paga non é por traballar ben ou producir máis, senón por ser da "seita".

Que papel xogan CCOO e UGT?

Neste modelo, os sindicatos maioritarios na empresa, CCOO e UGT, participan do organigrama argallado pola empresa. A empresa reparte os comités por provincias e mesmo fai un reparto de liberacións sindicais, que chega a denominar "xerentes sindicais". Eses liberados/as non fan sindicalismo real, senón que son un apéndice do departamento de Recursos Humanos e nos períodos de eleccións sindicais dedícanse a desmontar candidaturas.

Unha vez que a CIG logrou entrar no Comité, descubrimos que as reunións da representación social coa empresa en realidade son unha especie de charla, na que a empresa ofrece datos. Dende a CIG cambiamos un pouco esa dinámica a base de facer reclamacións -das que, por certo, din que nunca teñen constancia-. Agardamos ir mudando as cousas pouco a pouco, que as relacións laborais sexan relacións laborais de verdade.

Que ocorre coas traballadoras e traballadores que están de baixa laboral?

En Mercadona está prohibido caer de baixa. Non é o mesmo caer enfermo noutra empresa que en Mercadona. O servizo médico da empresa e a persoa coordinadora da tenda na que esteas perséguente con chamadas varias veces ao día, co único obxectivo de que collas a alta voluntaria. Cando máis presionan é nos casos de baixa por enfermidade común, porque estas baixas non as controlan.

A empresa ten un servizo médico propio que se confunde co departamento de recursos humanos".

Aí exercen a máxima presión para que "colabores co servizo médico". Aluden á voluntariedade para que ti informes de que medicamentos estás tomando, que enfermidade tes, etc. O convenio obrígate a colaborar co servizo médico, e senón quítanche o complemento.

De feito, a empresa ten un servizo médico propio que se confunde co departamento de recursos humanos. É habitual a cesión de persoas do servizo médico ao de recursos humanos. Calquera dos dous servizos está hipertrofiado, porque a súa función é o control sobre as traballadoras e traballadores.

Ademais, cando a xente colle unha redución de xornada entra nunha lista e pasa o mesmo co persoal que cumpre estritamente a súa xornada laboral. O 90% do persoal que ten redución de xornada é de palabra, nin sequera o ten por escrito. E se asinan algo, non lle dan a copia. Na última reunión de Comité coa empresa, a CIG pediu que este punto quedara resolto e comuniquen por escrito as reducións.

De igual xeito, hai que destacar que logo de moito batallar conseguimos que agora dean copias dos horarios ou das actas das sancións, cousa que até agora non se facía.

Que é a cláusula de confidencialidade?

É outros dos instrumentos que ten a empresa para silenciar calquera clase de protesta e ocultar as ducias de sentenzas que hai por acoso, despedimentos improcedente, vulneración liberdade sindical, etc. Á xente que chega a xuízo, ou incluso á que non chega, fanlle firmar unha cláusula pola cal non poden falar mal de Mercadona nin revelar información sobre o que pasou na súa relación laboral coa empresa.

Por iso, se queres chegar a un acordo beneficioso para ti (como ocorre en calquera empresa) tes que asinar este acordo. E isto afecta a todos os traballadores e traballadoras de Mercadona.

Con todo o que describes, de onde vén esa fama que ten Mercadona como empresa con mellores condicións laborais?

Hai que ter en conta que Mercadona ten un importante departamento de propaganda e (xunto con outras empresa) sostén un lobby de presión lexislativo que inflúe enormemente. Por que esa fama? Por un lado, si é verdade que se cobra máis que noutras empresas do sector, e por outro teñen un departamento de propaganda coa que inundan de maneira sibilina todos os medios de comunicación, sen necesidade de pagar publicidade.

Mercadona presume de medidas laborais que en realidade non existen"

Mercadona presume de medidas laborais que en realidade non existen. Foi a primeira empresa que concedeu a suspensión por risco durante o embarazo na semana 20, pero esa medida favorábel durou moi pouco, e agora é a peor empresa neste campo porque da a suspensión ás 30 semanas. Pero mediaticamente quedou o das 20 semanas e esa boa publicidade xa non se mudou.

E outro tanto nas conciliacións por garda legal, que son das máis ríxidas, porque a xente tense que adaptar a uns horarios moi ríxidos e que na maioría das ocasións non se axustan ás necesidades das traballadoras/es. Outra das cousas das que presumen é de que achegan as traballadoras e traballadores ao seu domicilio pero iso non é verdade, aínda que na prensa se diga o contrario.

Que vai pasar agora?

Dende a CIG seguiremos facendo sindicalismo con moita ilusión e honestidade para que muden as relacións laborais"

No programa, dende a empresa fíxose moito fincapé en que a solución comigo pasa pola "recondución". Entendemos que con isto se refiren á absorción por parte do departamento de recursos humanos das/os sindicalistas que molestan para que colaboren coa empresa e fagan da cara amábel. Abandonando o sindicalismo real para converterse en "visitadores". Esta claro que iso comigo non vai pasar.

Dende a CIG seguiremos facendo sindicalismo con moita ilusión, honesto, e aínda que carecemos dos medios e do crédito horario brutal do que gozan os sindicatos maioritarios seguiremos tentado mudar as cousas para mellor, para que as relacións laborais en Mercadona entren polo camiño da normalidade e que os traballadores e traballadoras deixen de ter medo.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar