O próximo mes de febreiro realizarase a elevación ao pleno do Parlamento Europeo da aprobación do Acordo Económico e Comercial Global (CETA polas súas siglas en inglés) entre a Unión Europea e Canadá. Un acordo que, máis aló de favorecer o libre comercio, supón o incremento de privilexios e poderes para as grandes empresas e industrias transnacionais, á conta dos dereitos e liberdades da cidadanía, o aumento das desigualdades, e a erosión da democracia e do Estado de Dereito e de Benestar.
En caso de aprobación, o acordo será aplicado de maneira provisional sen ser verificado polos Tribunais de Xustiza Europeos, sen realizar os preceptivos estudos sobre o seu impacto nos diferentes sectores e territorios, e invadindo competencias dos estados membros.
Para o rural galego, a aplicación do CETA suporá un importante revés. Das 173 indicacións xeográficas que estarán protexidas polo tratado, non hai ningunha galega. Eliminaranse os aranceis á importación e as axudas á exportación, expondo aos pequenos produtores galegos á competencia das xigantes granxas intensivas canadenses e norteamericanas.
Establécese un conxunto de mecanismos para a protección dos investimentos transnacionais, ofrecendo como garante destes investimentos os fondos públicos que pagamos cos nosos impostos. En relación á protección da natureza, os ecosistemas, os consumidores ou os traballadores non existen desenvolvementos análogos, máis aló dalgunhas frases de boas intencións.
Diversos estudos independentes alertan sobre os efectos devastadores que a aplicación deste tratado terá sobre o emprego e o tecido empresarial. A propia Comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento Europeo emitiu un informe recomendando a non aprobación do CETA. Prevé a perda de 204.000 empregos a curto prazo, o aumento da precariedade laboral e a brecha salarial, perturbacións sectoriais e a total desprotección das pequenas e medianas empresas, que xeran 2/3 do emprego na Unión Europea, e ¾ do emprego en Galicia.