“Que imprudente idea, a do príncipe, de ter interrumpido Branca de Neve no mellor dos soños e, cun beixo que ela negará sempre, retirala do caixón de vidro para a restituir á vida, isto é, á carne, e arrogarse dereitos sobre ela”. Con esta frase promocionábase o filme Branca de Neve, que recolle integramente o texto da obra de teatro homónima do suízo Robert Walser, unha revisión do conto tradicional que comeza xusto aí onde os irmáns Grimm remataran, na volta de Branca de Neve á vida.
A estrea de Branca de Neve xerou unha ampla polémica no seu momento en Portugal. Á súa rodaxe concedéraselle a máxima subvención do Instituto do Cinema naquela altura, uns 650.000 euros, ademais doutros 130.000 a conta da RTP. A decisión do director de realizar a práctica totalidade do filme coa pantalla en negro (ou en cinzento, como prefire dicir Monteiro) abriu todo un debate sobre a liberdade do creador e a concesión de axudas no país viciño.
O presidente da Associação de Directores de Cinema, António Pedro de Vasconcelos, chegou a reclamar "a modificación urxente del sistema de financiamento e control dos subsidios públicos". O produtor de Branca de Neve, Paulo Brancou defendeu a fita afirmando que o verdadeiramente preocupante eran os filmes financiados que nin chegabam a ser feitos e eloxiou o proxecto por ter tido un custo inferior ao estipulado (e por tanto dereito a unha menor subvención). Manoel de Oliveira, referente de todo o cinema portugués, declarou “A polémica pública non me interesa. Só me interesa o aspecto cinematográfico e artístico. E sobre iso, podo dicir que é o mellor filme de João César Monteiro”. Monteiro, na súa liña provocadora, afirmou apenas que Branca de Neve era “un excelente filme para invidentes”.
Superada a polémica, Branca de Neve revélasenos agora como o título máis radical na forma da filmografía de Monteiro. Nas palabras do director, o filme trata “dunha orde que é inapelábel, que pode ser perturbada, mais non pode ser subvertida, sobre o fracaso do ser individual contra o ser social”. Neste sentido, a propia fita tenta subverter a orde estabelecida do cinema, a súa esencia como imaxe en movemento, provocando no espectador (convertido en espectáculo, segundo a advertencia do comezo do filme) toda unha serie de cuestións sobre a propia natureza do cinema, mais tamén da literatura e do teatro.
João César Monteiro está considerado como un dos máis importantes directores portugueses, malia a que a súa obra, nada compracente, ten tamén serios detractores no seu propio país. Pertencente a unha familia da burguesía rural, anti-clerical e anti-salazarista, é dos poucos cineastas asociados ao movimento do novo cinema que non cursa estudos universitarios, explicándose así nun dos seus filmes: «A escola é o retrete cultural do opresor».
O seu primeiro filme foi Fragmentos de um Filme Esmola: A Sagrada Família, que, comezado en 1965, só puido rematalo 6 anos despois. En 1981 realiza Silvestre, unha adaptación de contos populares portugueses que se proxectou no festival de Veneza e representou un paso importante no seu recoñecemento internacional. À Flor do Mar (1986), gañou o premio especial do xuri do festival de Salsomaggiore Film Festival. Máis é con Recordações da Casa Amarela (León de prata en Veneza), co que marcaría un fito na súa cinematografía, introducindo ademais o personaxe de João de Deus, ao que volvería en A Comédia de Deus e As Bodas de Deus. Vai e Vem, do 2003, foi o seu último filme antes da súa morte ese mesmo ano.
A obra de Monteiro, sempre polémica e dificilmente clasificábel, caracterizase polo lirismo, en forma do que se ten chamado e filmes-poema. Considérase que prosegue a tradición, iniciada por Manoel de Oliveira, de introducir no cinema portugués de ficción o concepto de antropoloxía visual. Mais é a súa vea satírica o que lle dá o seu estilo persoal como realizador, que ten sido obxecto de estudo para críticos e académicos
A seguinte cuarta feira 25, a o Cineclube remata o mes de xaneiro coa proxección de Linguas desatadas (Tongues Untied, EUA, 1989), de Marlon Riggs, unha fita que une metraxe documental e ficción nunha tentativa de retratar a especificidade da identidade negra homosexual nos EUA, co obxectivo de “crebar o brutal silencio do país en cuestións de diferenza sexual e racial”.
O filme será proxectados en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
XANEIRO 2017
Mércores 18 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
Branca de Neve
(Branca de Neve, João César Monteiro, Portugal, 2000, 75', VOSG)
Mércores 25 de xaneiro ás 21:30 no Pichel
Linguas desatadas
(Tongues Untied, Marlon Riggs, EUA, 1989, 55', VOSG)