Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) están a organizar unha serie de actividades para a promoción da nosa profesión. Aproveitaremos a celebración da Asemblea Xeral de Colexiadas/os para atraer á cidadanía e dar a coñecer a profesión de educación social.
O eixe principal das actividades xirará en torno á necesidade dunha Lei de Educación Social, que demandamos dende decembro ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A petición de creación desta lei veu a sumarse á campaña #PorunaleydeEducaciónSocial, impulsada a nivel estatal polo Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (Cgcees), do que formamos parte. O impulso desta lei suporía un paso clave para o recoñecemento da profesión, evitar o intrusismo, garantir a profesionalidade e calidade das intervencións socioeducativas, e evitar a precariedade laboral. Así, entre as actividades propostas, haberá un photocall #PorunaleydeEducaciónSocial e un relatorio sobre a necesidade de impulso dunha Lei de Educación Social.
O evento contempla tamén a proxección de ‘Fitos e feitos da Educación Social en Galicia’, un documental producido polo colexio profesional, froito de case dous anos de traballo, no que se descobren e recordan os inicios da profesión en Galicia, e que conta co testemuño de persoas que foron clave para o desenvolvemento da mesma.
Unha merenda completa o programa de actividades, plenamente aberto á cidadanía.
As actividades terán lugar hoxe sábado 11 de febreiro no Centro Cívico de Eirís (A Coruña), a partir das 16:00 h.