A sentenza pon en evidencia, cunha argumentación xurídica moi relevante e sobre todo inusitada, a fraudulenta tramitación ambiental realizada pola Xunta. Tal é ao noso entender o significado da frase coa que a xuíza valora a tramitación administrativa do proxecto, recollida nos fundamentos da sentenza: "existen serísimas dúbidas acerca do verdadeiro impacto das obras a executar".
Cando unha administración, na tramitación dun procedemento, adoita unha resolución (Declaración de Impacto Ambiental) cuxo contido xera "serísimas dúbidas" sobre a súa veracidade, fica claro que existe un serio problema de rigor e imparcialidade no proceder da Xunta, que mesmo podería ter incorrido en prevaricación.
O auténtico valor desta sentenza vai máis aló do seu fallo, nun estrano contencioso que Fenosa non tiña por que iniciar: a empresa non precisaba do pronunciamento do concello ao estar decretada a supramunicipalidade (resolución do Consello da Xunta do 27 de marzo de 2008) e a utilidade pública da obra (resolución de 9 de maio de 2014).
Porén a fundamentación tan inusual da xuíza, evidenciando a fraudulenta e chafalleira tramitación do proxecto, ten auténtico valor demostrativo para a loita ambiental: pon en evidencia que este tipo de adulteracións dos estudos ambientais existen, e que poucas veces son postos en entredito dunha maneira tan clara. Tamén, a diferenza doutros casos con moi dubidosos diagnósticos ambientais, os pronunciamentos de organismos coma o Valedor do Pobo, o Consello de Cultura Galega, ou a clara implicación e compromiso de investigadores da USC, invocados polos colectivos sociais e ecoloxistas, resultan determinantes para cuestionar os informes da Xunta e da empresa.
Reparación e asunción de responsabilidades
Malia aos demoledores argumentos do xulgado, sacándolle as cores á Xunta e á empresa, a sentenza non ten repercusión xuríca directa sobre o procedemento. Primeiro, porque o fallo atinxe á resolución dun contencioso polo proceder do concello, non polo da Xunta. Segundo, porque non senta xurisprudencia e ademais é recorríbel pola empresa. E terceiro, porque Fenosa conta con todas as autorizacións (fraudulentas ou non) para levar a cabo a obra.
Xa que logo, a pedra está no tellado da Xunta e de Fenosa. A Xunta, aínda que non está obrigada xudicialmente, si ten a obriga moral de revisar de oficio o procedemento, suspendendo cautelarmente as autorizacións concedidas, con vistas a unha posíbel revogación. Tal é o que imos solicitar dende ADEGA.
Por outra banda, e en vista das graves irregularidades sinaladas polo o xulgado na tramitación do procedemento, Fenosa debería desistir de executar a obra, recuperando as alternativas (soterramento e mudanza de trazado) que tan alegremente desbotou nun principio.
Sería dificilmente entendíbel que tanto a Xunta como Fenosa fixesen ouvidos xordos ao expresado por esta demoledora sentenza xudicial. Tamén sería dificil de entender que perante as irregularidades sinaladas no procedemento, non se depuraran as eventuais responsabilidades penais que puideran atinxir á administración. Por iso, ADEGA trasladará o caso Fiscalía ambiental do TSXG para que investigue as presuntas malas prácticas e prevaricación administrativa que elegantemente sinala o xulgado na fundamentación da sentenza.
Para ADEGA trátase doutro caso máis (Encrobas, Encoro do Umia, Touriñán, Rinlo, Reganosa, Corcoesto, ENCE...) de fraude nos estudos e na declaración de impacto ambiental. Por desgraza, algo moi habitual nunha adminiatración acostumada a mirar cara outro lado ou invocar supostos intereses públicos (en beneficio doutros), que tantas inxustizas e dano teñen causado ao noso territorio.
Celebración si, mais tamén e cautela: a ameaza aínda non rematou
Finalmente ADEGA quere parabenizar o extraordinario traballo de todas e todos, particulares, colectivos, entidades e administracións que contribuíron a tan simbólico resultado. Mais tamén quere conminalas a non baixar a garda, xa que a sentenza non elimina por si soa a ameaza: "cómpre manternos firmes na presión á Xunta e á empresa para que reparen as consecuencias do seu espúreo proceder. Só daquela poderemos festexar a final dun pesadelo e a preservación dunha fraga única."