Unha Rede Natura galega cativa e incompleta... e ninguneada polas administracións
Dende a aprobación da proposta galega de Rede Natura 2000 en 2004 (por imperativo legal de Europa), ficou claro o pouco peso que para a Xunta tiña esta figura de protección ambiental e desenvolvemento territorial sustentábel. Daquela, inmersos aínda no fraguismo, a Rede Natura Galega presentouse como unna eiva inevitábel, unha imposición de Europa cuxas "consecuencias" no territorio tentarianse amortecer.
Así, a extensión territorial desta figura europea na Galiza ficou no 12,1%, a máis cativa en porcentaxe do estado (agás Melilla), fronte á media estatal do 28%. En comparación, comunidades veciñas como Asturias e Castela e León, acadan porcentaxes de 29% e 26% respeitivamente. Tanto tiveron as advertencias que en reiteradas ocasións a Comisión Europea lanzou ao estado español pola insuficiencia da Rede Natura galega. A día de hoxe seguimos á cola do estado en territorio protexido.
Mais non só en canto a representatividade a Rede Natura galega ficou ninguneada. Para as administracións -Xunta e concellos- sempre foi un atranco, unha molesta imposición que lastraba o "progreso" dos territorios incluidos nesta figura. Nunca interesou desenvolver os (obrigatorios) instrumentos de xestión, non foran a resultar efectivos para o artellamento dos territorios con iniciativas sustentábeis. Malia aos requerimentos de Europa, onde a Rede Natura xa estaba a xerar beneficios territoriais e mesmo dinámicas económicas moi positivas, a Xunta seguíu ignorando a obriga de desenvolver os instrumentos de xestión e non foi até 2014, catro anos despois de rematado o prazo, que se aprobou por fin o Plano Director.
No entanto, a Rede Natura foi obxecto dunha sistemática "deconstrución" acollendo ducias de proxectos industriais salvaxes: canteiras no Courel e Valdeorras, eólicos no Xistral, encoros e mini-centrais, polígonos industriais, macrogranxas de peixes, infraestruturas de comunicación... Estas actuacións e moitas outras contaron coa oposición dos colectivos ecoloxistas, que asumimos o papel de garantes da legalidade, mesmo até chegarmos aos xulgados (piscifatorías de Touriñán e Rinlo, canteiras do Xistral e Courel...) fronte a unha administración cómplice das desfeitas.
Unha Rede Natura de vai e vén, e un Plano Director de asegún...
En Galiza están presentes 56 dos 121 tipos de hábitats naturais presentes no estado, entre eles 10 dos 56 considerados prioritarios. Por iso, a cativa extensión da Rede Natura galega, que non sufríu modificacións dende 2004, non só constitúe unha eiva senón que é un agravio para o noso país. Dende o inicio ADEGA pulou porque Galiza tivera unha Rede Natura á altura da nosa riqueza e diversidade natural, así como unhas ferramentas de xestión que permitiran compatibilizar a preservación dese patrimonio con iniciativas sustentábeis que xeraran dinámicas positivas no medio rural.
Mais non foi até 2008, durante o goberno bipartito, que se apresentou unha proposta de ampliación para chegar até o 18,3% dende o 12,1% actual. Era unha proposta "de mínimos" pouco ambiciosa, que ficou esquecida coa chegada do PP á Xunta.
En 2012, perante os apercebementos da CE de ampliar a superficie determinados hábitats insuficientemente representados en Galiza, alongando a Rede Natura, o PP presentou outra proposta de ampliación até 15,2%, aínda á cola das autonomías. En esencia, esta iniciativa era a mesma que a do bipartito, convintemente chapodada para deixar sitio a canteiras, minas, eólicas, encoros, etc. Porén, esta ampliación nunca se fixo efectiva dende que comezou a era Feijóo, xa que segundo o daquela conselleiro de medio ambiente Agustín Hernández, a prioridade era desenvolver os instrumentos de xestión (Plano Director).
E polo que atinxe aos instrumentos de xestión, a Xunta deseñou un "traxe único", un mesmo Plano Director para todas as ZEC (zonas de especial conservación), á marxe de se estas son marítimas, fluviais, de montaña..., desouvindo as recomendacións da CE. Este Plano aprobado n 2014 (10 anos despois da designación dos LICs e ZEPAs) caracterízase por ser pouco comprometido coa protección e excesivamente permisivo coas actividades que poden xerar impactos. Abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir, por exemplo, construir piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% das zonas de protección...
Dende ADEGA saudan a intención do PP de acordarse da Rede Natura 2000 galega, mais á vista dos antecedentes de esquecemento e maltrato para cos espazos protexidos baixo esta figura, non confian en que a Xunta faga propósito de enmenda. Unha ampliación ao 12, 18 ou o 25% da superficie, sen compromisos serios de xestión, sen orzamentos, e con ferramentas deseñados para permitir autorizar calquera cousa ao abeiro dos intereses de turno, é un engano.
Instan ás forzas políticas tanto no governo como na oposición a tomar en serio a Rede Natura galega, facendo da defensa e promoción efectiva desta figura unha cuestión de país.