Esta Plataforma está de xeito continuado esixindo que canto antes comence a funcionar o sistema de saneamento e depuración das aguas residuais das poboacións da marxe norte da ría de Ferrol. O sistema de saneamento debe e pode comezar a funcionar independentemente do valor da taxa. O próximo pleno anunciado para o mércores 22, pode que se reproduza a situación do pasado luns 13, cun apoio condicionado de Ciudadanos. Mais pode que o Partido Popular se absteña (un xeito de ocultar unha parte da súa grande responsabilidade na falta de depuración e o engano á veciñanza) por iso, a Plataforma queríamos ter, antes do próximo pleno, unha reunión co goberno municipal e grupos políticos que noutro momento compartillaban con nós, unha oposición a esta Taxa e á imposición deste Saneamento, para expoñer cal é a nosa valoración alternativa ao Informe presentado por Emafesa con data de novembro de 2016, sobre as inconsistencias en materia de tarifa eléctrica, consumo eléctrico, caudais... así como se nos responda ás oito preguntas realizadas ao Alcalde, o pasado venres 17 deste mes de febreiro.
Esta Plataforma ten denunciado publicamente a irregular adxudicación a Emafesa do contrato temporal para pór en marcha a depuradora EDAR de cabo Prioriño, pois entendemos que é Augas de Galicia a responsábel da posta a punto tal como manifestou o presidente da entidade D. Francisco Menéndez Iglesias, en xullo de 2011. Tampouco estamos de acordo que sexa Emafesa a encargada de solucionar os problemas deste período de probas e facer as reparacións que correspondan e menos pasar os custes relacionados con estes traballos aos Concellos e usuarios. Queremos recordar á poboación que o socio maioritario de Emafesa é o Concello de Ferrol aínda que sorprendentemente se lle teña concedido por estatutos á parte privada, SOCAMEX, autonomía total de xestión.
O 13 de xaneiro deste ano, reúnen-se en Compostela Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón. Mentres o alcalde de Narón asume pagar un canon á Augas de Galicia polo uso da depuradora, o alcalde de Ferrol, asume uns compromisos aínda non aclarados publicamente, que pasan porque o noso concello asuma a reparación, posta a punto e asuma o funcionamento da depuradora, sen esixir a Augas de Galicia ningunha responsabilidade, pois é esa entidade a responsábel de que o EDAR recepcionara-se nas condicións que se fixo despois de que a empresa Espina y Delfín S.L., que aparece nos papeis de Bárcenas como empresa pagadora do Partido Popular, realizase a posta a punto no ano 2014, ano no que Rey Varela en plena precampaña electoral, anunciou que a depuradora xa depuraba, para cobrar a Taxa, sen importar-lle engañar á cidadanía sen ruborizar-se. O alcalde asegura ademais, que se non se aproba a Taxa, a depuradora non pode funcionar. A chantaxe é clara. Non só non se lle esixe a Augas de Galicia que poña a funcionar a depuradora xa, xenon que se pretende culpar de que non se depure, a quen pretendemos aplicar os principios de transparencia, democracia, participación, substentabilidade e austeridade no sistema de saneamento da Ría. Se a depuradora non está depurando é só responsabilidade de Augas de Galicia e a Corporación municipal en pleno, debera esixir-llo.
Desde hai máis de dous anos esta plataforma está denunciando publicamente que o sistema de saneamento imposto para a Ría de Ferrol é obsoleto, trapalleiro, ineficiente e moi custoso para a veciñanza. Tamén temos denunciado o abuso que supuxo ter cobrado unha taxa sen que o sistema de saneamento e a súa depuradora estivesen funcionando. Aínda estamos requirindo a devolución dese pago irregular por parte da empresa mixta Emafesa, e exiximos que sexa esta empresa a que proceda a devolver un diñeiro indebidamente cobrado, e non a cargo dos orzamentos municipais .
Temos informado, no pleno do pasado día 13, ao goberno municipal e grupos políticos, a nosa desconformidade ao custe da taxa que agora se propón para o saneamento, e a que dita taxa sexa similar á anterior proposta polo goberno do PP. Unha taxa cuxo cálculo foi cuestionado polos grupos municipais da oposición de aquel momento incluído o grupo que agora está gobernando. Esta Plataforma non dubidará en tomar as accións que correspondan si o pleno de Ferrol aproba unha taxa a todas luces ficticia, exaxerada e feita por e para os intereses de Emafesa.
En consecuencia co anterior e para precisar coa maior exactitude cal é en realidade o custe deste sistema, temos requirido por escrito, o pasado venres ao Sr Alcalde, que nos informe sobre os datos utilizados no estudio dos custes como: caudais de augas residuais a tratar na EDAR, tanto para tempo seco como chuvioso, tarifas eléctricas fixas e variables utilizadas, cómputo de enerxía presuntamente necesaria para o conxunto do sistema e as razóns polas que os estudos realizados até o momento (Fundación Polígono do Pozo, Emafesa, Audigal, Cosma, etc. ) son tan diferentes e inconsistentes.
Ao noso entender tomáronse caudais irracionais (case o dobre en tempo seco e probablemente tamén en tempo chuvioso), tarifas eléctricas exaxeradas, enerxía consumida moi elevada (obviamente pola súa relación directa cos caudais), unha imputación ao Concello de Ferrol dunha porcentaxe de participación nos custes do sistema dun 70%, cando a relación de consumo de auga potábel de Ferrol e Narón é do 60%, e por último a inclusión dunha nova partida de custes para o mantemento dos interceptores cando nos anteriores estudos da taxa no existía este concepto. É de supor que as demais partidas relacionadas cos caudais, como reactivos, lamas, etc. tamén estean aumentadas consecuentemente.
Non chegamos a comprender a falta da intervención, como organismo fiscalizador e de control, nos asuntos nos que se compromete o Concello de Ferrol (Acordos, Informes, Encomendas, Convenios...) que hipotecan as arcas municipais e deixan en quebra técnica a Emafesa, empresa de xestión privada, mais onde o Concello ten o 51% do capital Social, asunto que merece unha explicación.
Por último reiteramos unha vez máis ao Alcalde a realización dunha Audiencia Pública, onde explique a situación real do que está pasando e recupere as posicións programáticas coas que accedeu ao goberno buscando o acordo coas forzas que apostan polo rescate da xestión agora privatizada, pois a auga non debe ser un negocio, é un ben escaso, esencial e común, e o abastecemento e saneamento un dereito.
Esta plataforma reitera unha vez máis que o goberno municipal dado que non ten un verdadeiro control sobre a xestión de Emafesa, responsábel de episodios indesexábeis como foi a crise dos trihalometanos; pasar ao cobro unha taxa por saneamento sen estar operativa a EDAR nin a maioría do sistema, falta de participación na elaboración da taxa que agora se nos quere impoñer e opacidade na situación contábel dos servizos prestados por Emafesa, debe reconducir esta situación, non inxectando cartos dos orzamentos municipais para “sanear” Emafesa, tapando a xestión opaca da parte privada SOCAMEX, senón remunicipalizando o servizo de auga e saneamento: o seu Ciclo integral.