O pasado 12 de xaneiro de 2017 sae publicada no DOG unha Orde de axudas da Consellería do Medio Rural para realizar tratamentos silvícolas (Orde do 28 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017), que financia rareos e podas en masas de coníferas, formación de guías, selección de abrochos e rareos en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e rexeneración ou mellora de soutos de castiñeiros.
Entre os beneficiarios das axudas están propietarios/as particulares e as agrupacións destes/as, Sofor, Montes de varas e Montes veciñais en man común.
Un dos condicionantes para optar ás axudas é que “todos os solicitantes destas axudas deberán presentar xunto coa solicitude de axuda unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia. Malia o anterior, no caso de montes con superficies superiores a 25 hectáreas en couto redondo, deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión en que se considere a realización dos traballos solicitados ao abeiro da presente orde. O dito plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión deberá ter sido presentado con anterioridade á finalización do prazo de solicitude da axuda e aprobado con anterioridade ao comezo dos investimentos forestais”.
Esta práctica vén sendo habitual nas últimas ordes de axuda da Consellería para o monte, aínda que a obriga de contar cun instrumento de xestión ou ordenación forestal non entra en vigor ate 2020 e non é condición indispensable para percibir axudas ate 2019. En todo caso, tanto a Lei 7/2012 de montes, como o Decreto 52/2014 que regula as instrucións de ordenación, permiten que, transitoriamente, sexa válida a adhesión a modelos silvícolas para considerar un monte como ordenado á hora de optar a axudas.
O prazo para solicitar esta subvención é de 45 días e, a unha semana do remate do mesmo, a Consellería do Medio Rural publica unha corrección de erros da Orde de axudas (DOG 21 febreiro 2017) onde, entre outras cousas, se elimina a obrigatoriedade de contar con proxecto de ordenación ou plan de xestión para os montes de máis de 25 ha. Esta modificación non contempla unha ampliación do prazo de presentación de solicitudes, polo que os montes que agora poden cumprir os criterios (a maioría do terreos están nesta situación) quedarán fora da convocatoria por non existir tempo material para xestionar tódolos trámites necesarios.
Axudas que nunca chegan
Por outra banda, a elaboración dos Instrumentos de ordenación e xestión de montes segue sen o financiamento anunciado pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e xa levamos case 5 anos de vixencia da Lei de montes e 3 do Decreto que regula as instrucións de ordenación.
Pero a cousa agrávase cando temos en conta que a necesidade de que os montes de certa superficie conten cun proxecto de ordenación remóntase ao século pasado e a esixencia do mesmo, a través da Lei estatal de montes (43/2003), leva vixente case 15 anos.