As mesmas contarán primeiramente o venres cunha intervención e posterior coloquio co público asistente a cargo de Nico Hirtt (será a primeira vez que visita Galiza; teórico, escritor, sindicalista e físico belga que mantén un discurso moi crítico e lúcido coas competencias e coa deturpación por parte do poder neoliberal do papel e dos valores democráticos que deben inspirar a escola na formación das persoas), intervención que leva por título Competencias e competición: a escola baixo o control dos mercados. A conferencia será con tradución simultánea do francés ao galego e terá lugar na Casa do Saber do Vicerreitorado da USC en Lugo.
Dende o STEG valórase que é importante que o seu discurso sexa escoitado tamén na Galiza, polo momento clave en que estamos e polas ameazas que rodean o ensino público, para favorecer a reflexión sobre a cuestión educativa entre o profesorado, as familias e demais axentes da comunidade educativa e da sociedade en xeral.
As Xornadas completaranse o sábado no Salón de Actos da Deputación Provincial, con tres mesas redondas, dúas delas pola mañá: primeiramente, A escola e o rural na encrucillada, coa participación de Mini Rivas(representante parlamentario do BNG, membro da Mesa do Rural, mestre, músico e activista), Alexandra Cabana(profesora do IES Lois Peña Novo, co-fundadora da Asoc. Cultural A Chave das Noces e da Revista Galega de Historia Murguía) e Ramón Leal (mestre no Rosal e activista social) e a seguir outra sobre As capas da cebola do Pacto Educativo despois, coa participación de Branca Guerreiro (Inspectora de Educación) e Augusto Serrano (ex responsábel de Política Educativa da Confederación de STES) e posterior debate co público asistente en cada unha delas.
Finalmente, á tarde, desenvolverase o “Pacto Educativo: ideas para unha nova escola” coa participación de Jurjo Torres (profesor da UDC, escritor e teórico) e das representantes parlamentares dos principais partidos políticos do país (Luca Chao de EnMarea, Luís Álvarez do PSdG e Olalla Rodil do BNG) O formato da mesma terá unha primeira parte de intervencións e unha segunda parte de diálogo co público asistente, onde haberá tamén colectivos diversos da comunidade educativa.
O peche das Xornadas correrá a cargo de Uxía e Sèrgio Tannus.