Sabiamos das dotes de Feijoó como navegador ou políglota, pero agora lembramos a súa faceta non menos importante de concertista, que nos lembra iso si, aquel concertista tan desafinado que cando se desmaiaba, no canto de volver en Si, volvía en Fa. Na partitura desta Xunta o ensino público sempre queda nas marxes do pentagrama e en clave de LOMCE e é que a Consellería de Educación vén de publicar a norma que rexerá ao abeiro da actual lei o financiamento dos colexios privados concertados dende o vindeiro curso, toda vez que o período de aplicación da anterior, ditada en 2013, remata no presente período académico 2016-2017.
As principais diferenzas verbo da anterior orde radican:
- na duración, que amplía a vixencia "mínima" dos concertos en Primaria de catro a seis anos, para estender esta prolongación a todos os niveis do ensino concertado, isto é, tamén a infantil, ESO, Educación Especial e Formación Profesional.
- no papel da igualdade de xénero, desaparecendo dos criterios para a subvención o de que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas, circunstancia que o STEG xulga alarmante no actual contexto social
- na contía do financiamento a conta das arcas públicas dos centros privados concertados; cómpre lembrar que Feijoó mantívolles o financiamento e llelo renovou en 2013, xa coa súa propia orde, actuando contrariamente á lei vixente no momento da concesión, segundo sentenciaron o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014. Non obstante, a actual LOMCE devolveulles o encaixe legal en 2014.
Este movemento da Xunta, con ser grave, por ofensivo e irrespectuoso cos valores democráticos e constitucionais (mudando mesmo o significado da palabra segregación e discriminación no apartado b do artigo 84 da LOMCE), abre un debate máis amplo onde o noso colectivo, como organización sindical do ensino está moi ben posicionado dende hai tempo e cómpre lembralo, pois o STEG é o único sindicato do ensino que NON TRABALLA CO PROFESORADO DO ENSINO CONCERTADO NIN PRIVADO, E TAMPOUCO TRABALLA COAS PERSOAS QUE IMPARTEN RELIXIÓN (persoas que imparten e NON PROFESORAS/ES pois, sen ter nada obviamente contra as persoas individuais, unha profesora ou profesor é por definición “aquela persoa que imparte coñecemento sobre unha ciencia ou arte·; a relixión queda fóra, por tanto, desta categoría).
Na medida en que a relixión e o ensino concertado e privado, sen seren sinónimos, si que están íntimamente vencellados, dende o STEG defendemos que:
- A Escola, como institución pública debe ser laica na mesma medida que o Estado e o conxunto das súas institucións.
- A igualdade de dereitos e de trato de todas as meniñas e meniños esixe a non discriminación ou segregación no ámbito escolar por razóns de ideoloxías ou crenzas (o que sucede á hora das clases de relixión).
- Os fins e funcións específicas da Escola son a instrución nos saberes comúns fundamentais (científicos e humanísticos) para o desenvolvemento de toda a cidadanía e a formación nos valores compartidos para a convivencia democrática (non nas crenzas particulares).
- A educación, como dereito das crianzas, debe respectar a súa liberdade de conciencia en formación, por tanto, debe excluír tamén do eido escolar o adoctrinamento confesional.
Fundamentos, todos eles, de carácter universal. Por iso concluímos que O ENSINO LAICO NON é unha opción entre outras: O ENSINO LAICO é o método educativo propio da democracia.
Nesta liña de argumentación é pola que o STEG entende que a laicidade do Estado e as súas institucións NON é un extra que se lle poida engadir ou non, senón que forma parte fundamental do concepto mesmo de democracia, do espazo político común de dereitos e deberes dirixido a preservar a liberdade e igualdade da cidadanía, razón de ser de todo Estado Democrático e de Dereito.
Así, é o Estado na súa integridade o que debe ser laico (por respecto á liberdade de conciencia, principio universal) e é toda a Escola, como institución para a educación de toda a cidadanía, a que está obrigada a respectar na súa natureza e funcionamento todos os dereitos democráticos, incluído o de liberdade de conciencia e o seu específico de formar para a liberdade de conciencia (igualmente, principios universais), promovendo o coñecemento empírico da realidade a través da racionalidade e do empirismo, evitando a discriminación de xénero ou contra a diversidade sexual (moi presente, por contra, na doctrina católica que o Goberno do Estado e a Xunta non teñen reparo en promover).
Dende o STEG sostemos que a LOMCE é unha lei profudamente retrógrada e antidemocrática e esta norma publicada o venres ao seu abeiro pola Xunta de Feijoó é ofensiva e irrespectuosa para cos valores democráticos, pois promove a perpetuación subvencionada dos centros concertados e privados en xeral, así como a dos de carácter relixioso e segregacionista en particular, abrindo a porta a distintas categorías de alumnado e de cidadás e cidadáns: unhas/uns formadas/os en e para a liberdade de conciencia (escola laica) e outras/os ás/aos que lles é negado tal dereito (escolas con ideario propio) dende as idades máis temperás. A súa máxima expresión sería unha sociedade fragmentada en comunidades e escolas segregadas, cuxas particularidades estarían por riba dos elementos fundamentais de cohesión.
Por todo isto o STEG entende que na ausencia dun proxecto común de cidadanía baseado nun conxunto de dereitos e deberes compartidos, non se xustifica ningún tipo de Estado nin é posíbel a convivencia sobre fundamentos de igualdade, e conforme a estas razóns seguiremos a loitar por un ensino laico, galego, público e de calidade.