Seguridade Social denegou a aplicación alegando que os mas de 400 bombeiros de xestión privada dos 24 parques comarcais non podían acollerse a dito decreto por non consideralos traballadores da administración publica. Isto sería equiparable a argumentar que un mariñeiro común non debe xubilarse antes polas condicións do seu traballo, por exemplo nun pesqueiro do Gran Sol, mentres que si tería dito dereito de traballar nun buque oceanográfico da Administración.
Non estando de acordo con tal resolución, pois o decreto regula as condicións para a xubilación dos bombeiros que prestan servizos á administración pública, e non baixo que xestión se exerce, en setembro de 2012 os bombeiros comarcais de Galicia presentaron unha solicitude para recoñecemento dun coeficiente redutor para a idade de xubilación do colectivo de bombeiros xestionados por empresas privadas. Despois de pasar os trámites dos informes de Seguridade e Hixiene e Inspección de Traballo, todos eles favorables, ademais de enviar por requirimento da Seguridade Social a relación nominal dos traballadores dos parques comarcais, a día de hoxe non se ten resposta algunha da administración.
Esta actitude non resulta comprensible, pois xubilarse antes polas características propias do traballo non só non é un agasallo, senón que repercute favorablemente na calidade do servizo prestado ao reducir a idade media nun servizo no que a condición física é fundamental. Porén, os traballadores cotizarían todos os meses unha porcentaxe extra que revirte nas arcas da Seguridade Social, e compensa tal adianto.
Por iso, no día 30 unha representación de bombeiros comarcais de Galicia achegaouse ata a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social en Madrid, na rúa Jorge Juan 59, onde presentaron un escrito de reclamación e tentaron ser recibidos polo responsable correspondente.