Na pasada semana, o empresariado taurino anunciou a celebración dunha nova feira en Pontevedra para o mes de agosto. Pontevedra é a única localidade galega que ten garantida a celebración de touradas -con permiso da infame corrida que se celebrará no Páramo- e o único municipio que conta con praza de touros privada. Pese a isto, non nos resignamos a construír un futuro onde a tortura animal non teña cabida na nosa sociedade.
Coa loita de cada vez máis pontevedreses e pontevedresas, conseguimos que a Deputación de Pontevedra declarara a provincia contraria aos eventos taurinos e acabara cos privilexios mantidos polo ex presidente Rafael Louzán. Tamén, a organización e mobilización logrou que o Concello de Pontevedra acabara coa financiación directa destes eventos. Así, as poucas touradas celebradas no noso país desapareceron pola presión cidadá e a falta de apoio social sendo Pontevedra o derradeiro reduto taurino. Este nulo interese cara as touradas fixo que a feira non só perdera días senón asistentes á mesma pese a contar cun presuposto millonario para a súa difusión e ser a única que se celebra no territorio galego.
Por iso, neste 2017 Touradas fóra de Pontevedra voltará a estar nas rúas non só mostrando oposición a un espectáculo cruel e vergoñento senón contribuíndo a construír unha sociedade máis humana e máis xusta. Desde xa estamos traballando na campaña que iniciaremos nas vindeiras semanas e que terá como evento destacado a manifestación do mes de agosto. Charlas, photocall, axitación de rúa, concertos ou asembleas abertas son algunhas das actividades que desenvolveremos nos vindeiros meses eu que previamente faremos públicas.
Por último non queremos esquecernos do convenio que mantén o Concello de Pontevedra co empresariado taurino e que como non podería ser doutra maneira, seguiremos a denunciar neste 2017. Valoramos positivamente a redución económica do mesmo mais non nos é suficiente. Hai alternativas ao uso do Coso de San Roque e precisamos que o Concello de Pontevedra continúe a afogar economicamente a un lobby minoritario e con nulo apoio social.