En concreto, o programa de curtametraxes estará formado por Sinfonía diagonal (Symphonie Diagonale, Vikking Eggeling, Alemaña, 1924), Intento de estudo visual sobre un arabesco (Essai d’étude visuelle sur une arabesque, Germaine Dulac, Francia, 1929), Sincromía Nº 4: Escape (Synchromy No. 4. Escape, Mary Ellen Bute / Bill Nemeth / Ted Nemeth, EUA, 1937), Dinámica de radio (Radio Dynamics, Oskar Fischinger, EUA, 1942), Fases da forma IV (Form Phases IV, Robert Breer, EUA, 1954), Luces (Lights, Marie Menken, EUA, 1966), Feedback Estroboscopia (Feedback Stroboscopie, Dominique Belloir, Francia, 1975) e Acariño galaico (De barro) (Acariño galaico (De barro), José Val del Omar, Estado Español, 1961).
MontañaMuerte é o proxecto en solitario de CosmonautC (Haecceidad, Orquesta Pánico), no que emprega trebellos tecnolóxicos de todo tipo (dun theremin a unha gameboy) para crear ambientes místicos que evocan a natureza. Psicodelia, trance e electrónica que neste caso empregará para musicar Acariño galaico (de barro), a terceira parte do Tríptico elemental de España de José Val del Omar. Nela, o cineasta granadino empregaba tamén a insólita técnica das súas invencións para recrear a paisaxe e os elementos, retratando os trazos inmemoriais da cultura galega cunha presenza destacada do relixioso e o máxico.
Lois G. Carlín, quen xa puxo música en directo a unha sesión de curtas mudas de ciencia-ficción no Cineclube, é musicólogo e membro de grupos como Ataque Escampe. Nesta sesión empregará un sintetizador modular Serge para improvisar ruídos que acompañarán unha selección de pezas curtas que percorren cincuenta anos da historia do cinema experimental. O son futurista do pasado súmase nesta ocasión ás imaxes que expandiron os límites da sétima arte mediante a aplicación de novas técnicas e novas ideas.
Esta sesión, organizada en colaboración con La Melona, servirá de limiar á segunda edición do MelonaFest, que se vai desenvolver até o sábado 8 de abril en distintos espazos da cidade, con concertos de máis de quince grupos da mellor música underground galega e internacional, ademais da presentación do novo videoxogo de Fosfatina e un discoclube para facer escoitas colectivas de discos.
A seguinte cuarta feira non haberá programación do Cineclube por mor das festas de primavera, pero as proxeccións regresan o mércores 19 de abril con Imperial Eyes, unha obra inclasificable, que explora os límites da linguaxe audiovisual, a arte e a creación para reflexionar sobre o canibalismo, escribindo o seu discurso nas marxes do caderno do gusto e a percepción á que estamos afeitos. A sesión vai contar coa presenza do director, Pablo Marte.
Os filmes serán proxectados en versión orixinal, con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o seu funcionamento, propón unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
ABRIL 2017
Mércores 5 de abril ás 21:30 no Pichel
Sesión de curtametraxes experimentais musicadas por Lois Carlín e Montaña Muerte
Sinfonía diagonal
(Symphonie Diagonale, Vikking Eggeling, Alemaña, 1924, 7', VO)
Intento de estudo visual sobre un arabesco
(Essai d’étude visuelle sur une arabesque, Germaine Dulac, Francia, 1929, 8', VO)
Sincromía Nº 4: Escape
(Synchromy No. 4. Escape, Mary Ellen Bute / Bill Nemeth / Ted Nemeth, EUA, 1937, 4')
Dinámica de radio
(Radio Dynamics, Oskar Fischinger, EUA, 1942, 4')
Fases da forma IV
(Form Phases IV, Robert Breer, EUA, 1954, 3')
Luces
(Lights, Marie Menken, EUA, 1966, 6')
Feedback Estroboscopia
(Feedback Stroboscopie, Dominique Belloir, Francia, 1975, 5')
Acariño galaico (De barro)
(Acariño galaico (De barro), José Val del Omar, Estado Español, 1961, 36’)
Mércores 19 de abril ás 21:30 no Pichel
Imperial Eyes
(Imperial Eyes, Pablo Marte, País Vasco, 2015, 52', VO)
Con presenza do director
Mércores 26 de abril ás 21:30 no Pichel
O rito da filla
(Daughter rite, Michelle Citron, EUA, 1980, 53'′, VOSG