inventariado, talvez por ser esta unha determinación máis da nosa feble condición política nacional, tan evidente en todo o territorio galego, atinxido todo ele dun paradoxal, canto despolitizado inconformismo, visibel en innúmeras feridas espaciais. Mas como promover actitudes orientadas á preservación que vaian alén da simples “musealización” ou “turistificación”? Apesar da complexidade que envolve a relación entre o turismo e o patrimonio, é posibel, a partir do planexamento de forma participativa e a inclusión da comunidade local no desenvolvimento do turismo, obter resultados positivos da “actividade turística” en áreas patrimoniais.
A crescente importancia da arqueoloxia no ensino, divulgación e a xestión cultural, achega unha grande oportunidade de promoción do turismo, alargando se callar maior gama de oportunidades de traballo disponíbeis a nível nacional e europeu. Sen dúbida, no desenvolvimento local poden chegar a ser chave os restos arqueolóxicos que se incorporan a proxectos de turismo cultural e proxectos turísticos acessíbeis para alén da época turística, con depósitos de musealización, criazón de centros de interpretación, melloria e expansión dos museus, etc. Porén, as debilidades son ben coñecidas: superficie excavada reducida, emprazamentos e restos arqueolóxicos mal estudados, inexistencia de infraestructuras adecuadas, poucas áreas excavadas consolidadas e rehabilitadas, descoñecemento dos xacementos por parte da sociedade, abandono administrativo e escasa sinalización e promoción correlativo ao deterioro territorial e paisaxístico. Alén diso, á necesidade de profisionais treinados para executar millares de escavacións arqueolóxicas (só na Cataluña se realizan máis de 1500 por ano ) súmase á endémica falta de un título correspondente (en Galicia implantouse o Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antiguidade en 2013 (DOG do 20/12/2013). Alén diso, a posición dos vários ramos da arqueoloxia no sistema académico español é anormal e representa un bon exemplo de desequilíbrios existentes en relación ao resto da Europa.
Con certeza, as vilas galegas teñen outros activos históricos de importancia especial e perfeitamente combinábeis conoutros recursos patrimoniais na área, como o peixe e o marisco, a gastronomia e o medio natural e xeolóxico. Apesar das posibilidades, en xeral, parece que a populación local non ten unha relación consolidada dada a escasa valoración do patrimonio arqueolóxico de noso. Cómpre pensar non só nunha simples destrución física irreversibel dos espazos e da contorna, velaí a eucaliptización e urbanización desaprensiva, mas tamén a cultura empresarial, a proliferación de pistas e aberrantes tipoloxías constructivas , a maquinaria pesada que atravesa con efectos predatorios sobre os recursos territoriais (o confuso medre por xeminación do espazo urbano, a perda irreversibel das diferentes paisaxes, das embarcacións e de vestixios das fábricas de salgazón -arqueoloxia industrial-, a proliferación de aeroxeneradores acima das mámoas da Capelada, etc) ou a contrucción/abandono das tipoloxías espaciais, as recalificacións de leiras, a turistificación do territorio a costa dos sinais de identitade do país, comezando pola ocultación do idioma galego e as súas formas toponímicas.
Porén, un síntoma positivo do interese cidadá no patrimonio foi a iniciativa nacida na sociedade civil para impulsar a criazón do Museo Mares de Cedeira. Mas infelizmente a súa existencia pón de manifesto a endémica falta de compromiso das diferentes administracións na proteción e conservación da singularidade do noso patrimonio, ao cabo, da nosa identidade nacional. Cedeira precisa como moitas outras vilas galegas que antes de “turistificar” o patrimonio, a comunidade local poida e deba coñecer e participar na criazón da propia identidade sen que os espazos perdan a súa condición de lugares (eís unha das desfeitas das últimas décadas) onde sexa posíbel dialogar coa alteridade e coa própria identidade nacional. Un conxunto de valores culturais e simbólicos de noso, o cal participe de modo efetivo de actividades desenvolvidas no seu ambiente, demostrando memoria e sentimento de pertenza ao lugar.
Unha ameaza agravada pola falta de recursos económicos estables e de compromiso por parte de todas as administracións na proteción baseada no estudo e coñecemento dos restos arqueolóxicos como acción previa e paralela á didáctica e divulgación da singularidade deste patrimonio, como elemento de identificación local e nacional, de brazo dado doutros recursos patrimoniais de grande valor como o natural ou a tradición pesqueira. Do contrario córrese o risco de que unha vez máis o mundo da empresa ou do turismo, por sinalar apenas os dous ámbitos máis abusivos e hexemónicos na produción de espazo, acaben sendo os únicos optimizadores dos escasos recursos disponíbeis. Alén dos sítios constituírense como atrativos turísticos locais, requer da comunidade local compromiso próprio, un planexamento e unha organización do espazo de visita, para que o lugar non veña a ser teatralizado e mesmo utilizado somente a favor do mercado, en detrimento do estímulo á valorización cultural. O cerne central da cuestión, para alén dos resultados das catas realizadas estes dias polo arqueólogo Emilio Ramil no Campo do Castro, referese á importancia de políticas e accións planexadas no ámbito turístico en áreas de bens patrimoniais, que deben, sobretodo, ao seren elaboradas, contar coa participación efetiva da comunidade local, compreendendo que o turismo e o patrimonio cultural son construcións sociais e ampliacións de realidades múltiples