O noso país perdeu un total de 16.000 empregos nos tres primeiros meses de 2017, mentres que o número de parados/as rexistrados/as foi de 12.900, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Neste período tamén se produciu un descenso da poboación activa en 3000 persoas con respecto ao trimestre anterior, dato que resulta aínda máis preocupante entre a xente nova, onde a caída de activos/as foi de 9400. A isto hai que sumar o aumento do número de fogares con todos os seus membros activos no paro, un total de 4300 máis que nos tres meses anteriores.
A continúa perda de poboación activa, xunto á caída da ocupación, é o dato máis preocupante do mercado de traballo en Galiza; esta situación agravouse nestes últimos anos ao sumarlle a esta menor incorporación de activos o fenómeno da emigración.
A redución da poboación activa no último trimestre foi de 3000 persoas con respecto ao período anterior. Este dato é aínda máis preocupante se analizamos a evolución dos activos/as por grupos de idade, xa que novamente nos atopamos que entre a poboación máis nova -menores de 35 anos- a caída é moito maior: 9.400 activos/as menos.