A temporalidade e a rotación do emprego son as principais características dun mercado laboral galego cada vez máis precarizado.
No noso país asináronse durante o mes de abril un total de 74.091 contratos, mais o descenso do número de parados/as foi unicamente de 5427, o que amosa ben ás claras a principais características do mercado laboral galego: a temporalidade e a rotación. Ademais, a baixada do paro foi máis acusada no conxunto do Estado (un 3,49% de media fronte ao 2,58%). Deste xeito, o número de persoas rexistradas nos servizos públicos de emprego en Galiza sitúase nas 204.629.
Abril é un mes no que tradicionalmente ten lugar un descenso do desemprego, mais este ano, ao coincidir coa Semana Santa, esta baixada foi lixeiramente máis acusada que en anos precedentes. As cifras rexistradas neste período amosan que o 70% deste descenso foi no sector servizos, mentres que o 75% dos contratos asinados foron tamén neste sector.
Ao mesmo tempo, os datos deixan ver de novo unha tendencia que continúa imparábel: a perda constante na calidade do emprego, tal e como se desprende do feito de que o 91,6% dos contratos contabilizados o mes pasado foi rexistrado baixo algunha das modalidades de contratación temporal. De feito, máis do 30% dos contratos duran menos dunha semana.
A alta rotación dos postos de traballo é outro dos lastres que pesan sobre o noso mercado laboral, xa que neste período asináronse 74.091 contratos pero o paro reduciuse unicamente en 5427 persoas. Ademais, a protección social dos desempregados/as continúa a descender, xa que a porcentaxe de parados/as que percibe algún tipo de prestación baixou do 48,5% ao 47,6%, case un punto menos.
En resumo, o lixeiro descenso do paro rexistrado no mes de abril grazas á estacionalidade do emprego vinculado ao sector servizos vai ligado a un incremento da precariedade e da desprotección social ás persoas desempregadas. Paralelamente, continúa a consolidarse a figura do traballador/a pobre, que vai camiño de converterse en estrutural.
Derrogación das reformas e cambio de políticas
O secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, sinala que detrás deste comportamento negativo atópanse as últimas reformas laborais aplicadas por PSOE e PP, “que só serviron para afondar na precarización do emprego e na perda de dereitos laborais e sociais”. Así, para o responsábel sindical calquera recuperación do mercado laboral e da calidade do emprego ten que pasar pola súa derrogación e por un cambio de políticas.
Finalmente, lembra que a central nacionalista achegou unha serie de medidas alternativas neste sentido a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que incluía 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza que foi defendida no Parlamento galego polo secretario xeral antes de ser rexeitada cos votos do PP.