Duas dezenas de coletivos diversos, incluindo centros sociais, entidades culturais, desportivas e antirrepressivas subscrevem um manifesto unitário para apelar à participaçom na manifestaçom de 24 de julho na capital da Galiza. Os coletivos convocantes som os seguintes: A Galleira, A Revolta, Associaçom Xebra, Briga, Brigadas Lucenses, Ceivar, Celtarras, Colectivo Nós, Erguer, Faísca, Fende Testas, Mocidade Granate Fundaçom Artábria, Fuscalho, Gentalha do Pichel, Isca, Mádia Leva, O Quilombo, Sección Lololo e Tropas de Breogán.
A manifestaçom será às 20 horas, com saída da Alameda compostelana.
A seguir, reproduzimos o manifesto unitário divulgado polas entidades convocantes:
A mocidade independentista a construir a República: rachar a precariedade, rematar com a emigraçom
Máis un ano, a mocidade galega volvemos saír á rúa o 24 de xullo para esixir aquilo que é noso, o dereito a unha vida digna na súa terra. Un dereito que vemos negado día tras día por un Estado español cada vez máis autoritario, que trata este recuncho que é o noso país coma unha colonia: encoros para producir electricidade que non pagan e praias para un turismo que xentrifica as nosas vilas e cidades. Un Estado español que conta coa absoluta complicidade dun goberno galego que, lonxe de defender os intereses galegos, aplica políticas que nos condenan, os mozos e mozas, á emigración e á precariedade.
Dende o comezo da crise, 234.740 persoas marcharon do país, das cales case 115.000 foron mozas. A emigración bate na mocidade moito máis forte que en calquera outro colectivo, e vémonos obrigadas a marchar do país, como xa fixeran os nosos avós e avoas, as nosas nais e os nosos pais, na busca dun futuro que aquí se presenta imposíbel.
A outra cara da moeda son a precariedade e o desemprego. As mozas galegas pasamos de ser máis dun 35% da poboación activa a representar apenas o 24%. Máis do 95% dos empregos creados en Galiza no 2016 foron temporais, e todas coñecemos a realidade das ETT, empresas voitre que xogan coa nosa necesidade e ofrecen soldos inferiores ó SMI. Isto fixo que a fenda salarial entre a mocidade e o resto da poboación aumentou durante estes anos, chegando a acadar case un 40%.
As mulleres xoves galegas temos que sumar a esta situación a violencia que enfrontamos a todos os niveis, en todos os espazos, todos os días das nosas vidas. As cifras son aínda máis alarmantes se analizamos o desemprego feminino, as migracións ou as condicións laborais. Mais non é só unha cuestión económica, tamén sufrimos o patriarcado nas nosas carnes e con el os ataques físicos, psicolóxicos e estruturais. Temos que loitar xuntas para frear a perda de dereitos que se conseguiron con desobediencia e afouteza no pasado. Da inseguridade dos campus e rúas, locais, asembleas e mesmo o noso fogar só poderemos saír construíndo unha sociedade verdadeiramente feminista, e isto non pode darse nun sistema que creou e que se alimenta das desigualdades entre mulleres e homes. As mozas galegas, xunto con outras moitas mulleres desde outras latitudes, traballamos día a día para poder existir e vivir dignamente en todos os recunchos do mundo.
Quen son os responsábeis desta situación? En primeiro lugar, o goberno español, coa aplicación das medidas neoliberais, como as reformas laborais, que nos negan os nosos dereitos e nos condena a unhas condicións lamentábeis ou a marcharmos do país.
Tamén un goberno galego colaboracionista, cun Núñez Feijóo máis preocupado en acadar postos de poder en Madrid que en defender a nosa terra. Mais Feijóo e Rajoy son só pezas, axentes dun sistema baseado no capitalismo que nos afoga coma clase, o patriarcado que nos oprime coma xénero, e dun Estado que nos quere esmagar coma pobo; un sistema sen reforma posíbel. En resumo, os mesmos que negan a nosa lingua, sentenciándoa a desaparecer; os mesmos responsábeis de que ardan os nosos montes, permitindo a extensión do eucalipto e recortando na prevención; os mesmos que permiten o despoboamento no rural, negando o futuro as mozas que alí vivimos; os mesmos que recortan en sanidade e educación, cunhas aulas ateigadas e hospitais sen recursos como o Álvaro Cunqueiro; os mesmos que tamén son culpábeis da precariedade das nosas avoas, que teñen a segundas pensións máis baixas do Estado; os mesmos que colaboran co machismo, pechando servizos para as mulleres ou colaborando cos medios que nos criminalizan e violentan.
As mozas somos o motor dun futuro que o capitalismo e o patriarcado nos nega. O difícil que temos acceder aos nosos estudos e a incerteza que se presenta cando logramos acabalos destrúe o desenvolvemento normal da nosa xeración. Debemos loitar para non ter que aceptar resignadamente o que nos vén dado, debemos mudar o rumbo que trazaron para nós os que viven do traballo das obreiras.
Para rematar con esta realidade, as mozas galegas sabemos que non chega cunha reforma dun réxime podre e herdeiro do fascismo. Precisamos unha ruptura con este Estado cárcere de pobos, que encadea e dispersa ás que loitan pola liberdade, que silencia as que pensamos diferente e persegue ás que nos organizamos nos barrios e nos centros sociais.
Para sermos ceibes, como clase e como pobo: República Galega!