"Unha vez máis, as respostas do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, son esquivas e non constitúen unha aposta clara pola defensa dos postos de traballo e pola non segregación das actividades de ferroalixes e produción enerxética", esa era a valoración que facía o Comité de Ferroatlántica á saída do Pazo do Hórreo, logo de acudir á sesión de control na cámara.
"Nada novo", engaden, pois o goberno autonómico vén mantendo unha postura ambigua dende que se coñeceron publicamente as pretensións de Ferroatlántica de vender as centrais hidroeléctricas. Pero o Comité de empresa non pide nada extraordinario. "Pedimos do Presidente da Xunta o mesmo que cando no ano 1992 o Grupo Villar Mir se fixo co complexo industrial da Costa da Morte: legalidade e xustiza".
Defenden que a Xunta de Galiza ten que actuar conforme a legalidade, porque esa é a única vía para garantir que se respecte o interese público e que se faga xustiza con esta comarca. Porén, "na súa intervención, Feijoo volve escudarse no papel dos servizos xurídicos", chegando mesmo a afirmar que de ser compatíbel a segregación que pide Ferroatlántica coa normativa vixente, esixirá "tantas ou máis" garantías de emprego que as que xa existen.
"Coas súas afirmacións, o Presidente da Xunta está dando azos ao manido proxecto industrial da empresa, que non é outra cousa que un plan de reconversión e desmantelamento; ao tempo que pon en cuestión as reivindicacións do conxunto dos traballadores/as e da veciñanza da comarca", critican.
Mais, "non hai mellor plan industrial que o que temos actualmente. Non hai mellor garantía de continuidade dos empregos e da actividade nas fábricas que manter as concesións nas condicións actuais (concesións que, non cómpre esquecer, se prolongan até 2069). O mellor xeito de facer xustiza coa Costa da Morte pasa porque a empresa reinvista nas fábricas os millonarios beneficios xerados pola explotación dos aproveitamentos hidráulicos", asevera o Comité.
Estudando un novo calendario de mobilizacións
O Comité de empresa volveuse reunir hoxe para facer unha valoración da situación e xa está a estudar un novo calendario de mobilizacións para conseguir a non segregación de actividades e venda das centrais.
Así mesmo, acordouse, unha vez se lles traslade o expediente da solicitude de segregación, ampliar o informe que recolle e ampara as argumentacións do Comité contra as pretensións de Ferroatlántica.