No comunicado, as 15 entidades amosan a súa "solidariedade incondicional" co CSOA Escárnio e Maldizer, "centro social ocupado co que traballamos en diversas iniciativas conxuntas, mostrándose sempre como un colectivo comprometido coa construción de alternativas ao embrutecemento e mercantilización cultural dominantes" e o seu "apoio" a un colectivo "que foi vítima das forzas represivas por recuperar un espazo privado abandonado polos proprietarios e que foi reconvertido nun ben público". "A defensa de tan elemental dereito custou non só un desaloxo violento do edificio, mais tamén feridas a varias persoas e a detención e acusación arbitraria dun veciño", engaden.
O texto condena "a política de persecución policial e mediática contra iniciativas non controladas pola institucionalidade burguesa". "A burda criminalización e desprestixio inducidos polos principais medios de comunicación privados e mesmo públicos contra o CSOA Escárnio e Maldizer confirman a necesidade permanente de auto-organización popular", din. As entidades salientan finalmente o seu "compromiso no fortalecemento e na creación de espazos que permitan avanzar na galeguización e desmercantilización da nosa cultura" e fan un chamamento "ao movemento popular galego" á "unidade" e á "autodefensa", construíndo "novas ferramentas ao servizo dos intereses do noso pobo".