O Foro Galego de Inmigración, reunido esta fin de semana en Ferrol, entre outras resolucións, acordou promover un Encontro Aberto dos movementos sociais para artellar unha acción conxunta que formule as modificacións precisas do anteproxecto que desenvolve e regula a Lei de Inclusión Social que contempla a Risga, para que entre outras cousas, esta contemple o acceso á mesma das persoas en situación de irregularidade administrativa. Este anteproxecto recibiu alegacións dentro do prazo que rematou o pasado venres 19 de xaneiro. Temos que destacar que esta é unha Lei que foi aprobada en 27 de novembro de 2013 e que se previa o seu desenvolvemento en seis meses unha vez aprobada(Estamos en xaneiro de 2018). A súa falta de desenvolvemento e regulamentación provocou unha situación de arbitrariedade á hora de conceder as axudas, estado de cousas que vai seguir, pois a súa aprobación definitiva está previsto que sexa para despois do verán. Esta desidia institucional do goberno da Xunta e en particular da Consellaría de Política Social, está provocando indefensión e inxustiza sobre o sector da poboación máis vulnerábel. Consellaría da que é responsábel José Manuel Rey Varela, o mesmo que di que o pobo de Ferrol clama por el, para que volva de Alcalde, despois de perder case 3.500 votos nas últimas eleccións municipais, despois da súa nefasta política municipal e querer enganar-nos cun falso saneamento.
CAMPAÑA POLO DECRETO DA RISGA QUE EXCLÚE ÁS PERSOAS MIGRANTES EN SITUACIÓN DE IRREGULARIDADE ADMINISTRATIVA DESTA PRESTACIÓN BÁSICA
Na xuntanza asemblearia do Foro Galego de Inmigración celebrada este sábado día 19 de Xaneiro en Ferrol (no Ateneo desa cidade), as persoas en representación das asociacións e entidades do Foro procedentes de diferentes lugares de Galicia.
ACORDAMOS:
Promover unha Campaña, cun Encontro Aberto con outras entidades sociais, colectivos e movementos sociais interesados nesta cuestión, para artellar unha Declaración Conxunta que recolla as principais modificacións que serían imprescindibles para facer minimamente asumible este Decreto, entre ás que naturalmente propoñeremos o acceso a esta prestación para o colectivo de persoas en situación de irregularidade administrativa. Ademáis incluiremos outras propostas que se acorden no marco dese Encontro Aberto no que convidaremos a entidades sociais significativas, redes e movementos sociais, colexios profesionais implicados e outros grupos e persoas interesadas.
Despois de presentar alegacións formais o Decreto e unha vez rematado ese prazo, antes da aprobación definitiva no mesmo queremos facer un chamamento ás entidades e movementos e a cidadanía en xeral para tentar evitar unha inaceptable discriminación dun colectivo e facer posible tamén para toda a cidadanía un dereito social, a través dunha renda mínima decente.