O Estado español está a incumprir varios preceptos da Carta Social Europea en materia de accidentes de traballo e protección social, segundo un relatorio elaborado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais. Este organismo independente, que fai parte do Consello de Europa, concluíu que o goberno español non acata os compromisos adquiridos ao ratificar esta convención internacional en 1980, en materias tan relevantes como a redución de accidentes de traballo, a contía dos subsidios por desemprego e rendas de inclusión ou a igualdade de trato en materia de prestacións familiares.
As conclusións do Comité Europeo de Dereitos Sociais, feitas públicas en Estrasburgo (Alsacia) o pasado 29 de xaneiro polo seu presidente, Giuseppe Palmisano, teñen o valor de xurisprudencia e poden invocarse directamente perante os tribunais internos. De feito, o Comité de Ministros do Consello de Europa, igual que no caso das sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, adopta resolucións atendendo ás decisións do Comité. O 29º relatorio, referido ao período 2012-2015, céntrase nas materias relativas á seguridade e a protección social e os accidentes de traballo. Os informes anuais sobre o cumprimento da Carta son elaborados coa información que achega o goberno do Estado e coas observacións das organizacións da sociedade civil, aínda que nesta ocasión as únicas alegacións foron as formuladas pola asesoría xurídica da CIG, que contou coa colaboración do profesor Xosé Manuel Carril, da Universidade da Coruña.
España non toma medidas suficientes para reducir os accidentes de traballo
Entre as vulneracións da Carta Social Europea comprobadas polo Comité, destaca a insuficiencia de medidas para reducir o número de accidentes de traballo, que aumentou no período de referencia, nomeadamente nos sectores da agricultura e os servizos, salientando o aumento do número de vítimas mortais e non mortais. A partir do estudo de datos estatísticos e da comparación coa incidencia noutros estados membros da Unión Europea (UE), o Comité conclúe que a frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade e á hixiene no traballo (artigo 3.2 da Carta) está garantido no Estado español.
Subsidios por desemprego e rendas de inclusión, tamén insuficientes
En relación co dereito á seguridade social, recoñecido no artigo 12.1 da Carta, o Comité estima as alegacións formuladas pola CIG ao declarar que o subsidio por desemprego para persoas sen cargas familiares (426 euros ao mes en 2015, o 80% do IPREM– se sitúa por baixo do 40% da renda mediana dispoñíbel (1.112 euros ao mes, segundo os datos de Eurostat). Esta contía non se considera insuficiente para dar cumprimento aos compromisos internacionais subscritos.
O Comité chega a unha conclusión semellante en relación co dereito á asistencia social (artigo 13.1 da Carta) e as rendas de inclusión, como é o caso da RISGA en Galiza. A maioría das comunidades autónomas condicionan o dereito á renda ao cumprimento de requisitos que son incompatíbeis coa situación de necesidade que pretende atender, como son a esixencia dun período mínimo de residencia na comunidade autónoma ou dunha idade mínima de 25 anos. Por outra parte, na maioría dos casos a renda está limitada no tempo, aínda que a necesidade persista, e o nivel de asistencia social dispensado a persoas soas sen recursos é manifestamente insuficiente (inferior ao 50% da renda mediana dispoñíbel), excepto nas comunidades autónomas do País Vasco e Navarra.
Vulneración do principio de igualdade de trato a nacionais doutros estados
O Comité constata tamén a infracción do artigo 12.4 da Carta, que recoñece o dereito á seguridade social ás persoas que se desprazan entre os estados membros do Consello de Europa.
En concreto, declara que é excesivo o requisito de residencia de máis de dez anos para percibir unha pensión non contributiva de xubilación, que se esixe aos cidadáns de estados que ratificaron a Carta Social Europea, mais non fan parte da UE ou do Espazo Económico Europeo (UE máis Islandia, Liechtenstein e Noruega).
En relación coas prestacións familiares, España está a esixir o requisito de residencia do menor a cargo, cando hai outros estados que non o fan (cita so casos de Albania, Andorra, Armenia ou Xeorxia). Isto esixiría a adopción dun acordo bilateral para garantir a reciprocidade ou, en ausencia deste, medidas unilaterais que garantan a igualdade de trato en materia de dereitos de seguridade social.
Falta de información sobre a protección social ás persoas maiores
Outra das materias que foi obxecto de observación por parte da CIG foi o dereito á protección social das persoas idosas (artigo 4 do Protocolo Adicional), de especial relevancia dada a situación demográfica do noso país. O Comité constata que o Estado non adoptou ningunha medida lexislativa para loitar contra as discriminacións por razón de idade e non facilitou a información necesaria para tomar unha decisión en relación coas pensións non contributivas, a prevención ao maltrato, os servizos e asistencia social e sanitaria e as residencias de maiores. Por ese motivo, adía a súa conclusións sobre esta materia para o seguinte relatorio.
Valoración da CIG
O Comité Europeo de Dereitos Sociais constata o que para millóns de persoas é unha evidencia diaria: deixar a saúde ou a vida no traballo é un perigo certo e constante. O incremento continuo dos accidentes de traballo é a mostra máis dolorosa da caste de subemprego que xeran as políticas do Goberno español e nomeadamente as súas reformas laborais. A pregoada recuperación económica tradúcese para a clase traballadora non só en temporalidade, precariedade e baixos salarios: tamén paga o seu tributo en vidas humanas.
A outra cara da mesma moeda é a suma de desemprego e desigualdade que está a provocar enormes bolsas de pobreza que o sistema de protección social non é capaz de paliar. A OCDE, que non é precisamente alarmista, vén dicindo que o desemprego e os contratos temporais son os causantes do aumento da fenda social que a crise nos deixou.
A CIG anuncia que seguirá a denunciar –aínda que sexa en solitario– as vulneracións da Carta Social Europea por parte do Reino de España e reclama novamente a ratificación da Carta revisada de 1996, o que nos abriría novas posibilidades para combater a actual ofensiva de demolición do dereito do traballo e da protección social.