Ante a publicación no BOE o 30 de maio pasado da apertura de información pública da Solicitude de Autorización Administrativa Previa e do Proxecto de Execución da Planta de Gas de REGANOSA, as organizacións arriba apontadas veñen de rexistrar un escrito de alegacións ante o Ministerio de Industria.
Como cuestión previa sinalan a nulidade radical do procedemento de autorización por fraude de lei, desviación de poder, vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva ao tentar eludir o cumprimento dunha Sentenza e vulneración do principio de confianza lexítima, pola tramitación deste expediente pola vía de urxencia e sen cumprir coa preceptiva avaliación ambiental.
Todo iso sen prexuízo de que a tramitación deste procedemento, sen proceder á paralización inmediata da instalación, poida ser constitutiva de senllos delictos de prevaricación, de desobediencia do mandato do Tribunal Supremo, de risco contra o medioambiente e de risco para a seguridade colectiva nos que podería estar a incorrer esta Subidrección Xeral.
Como conclusión, solicitan a nulidade da tramitación por razóns de forma; en tanto que nin obran no expediente, nin se nos deu traslado da documentación e informes necesarios que se mencionaron no corpo deste escrito e de fondo; posto que REGANOSA nin cumpre, nin poderá cumprir xamais os requisitos do Art. 67 da LH, todo iso sen prexuízo de que ademais este expediente parte dun Acordo nulo como é o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016.
Portanto, solicitan que se ordene a paralización inmediata da actividade na instalación en cumprimento das sentenzas do Tribunal Supremo e que non se rehabilite a actividade en tanto non se obteñan as preceptivas autorizacións, tras acreditar o cumprimento dos requisitos do Art. 67 LH, cuestión esta que, como din, é imposible no caso de REGANOSA.