Tras 22 días, os traballadores e traballadoras das auxiliares de Navantia acordaron hoxe a suspensión temporal da greve nunha votación que se saldou cunha diferenza de apenas 200 votos. Os resultados foron anunciados nas asembleas que se celebraron esta tarde ás portas dos estaleiros de Fene e Ferrol, e nas que os representantes da CIG-Industria destacaron a demostración de forza, unidade e determinación que o longo destas tres semanas deu o persoal da industria auxiliar pola recuperación do seus dereitos, a pesar de ter “toda a maquinaria en contra”.
O secretario comarcal da Federación, Vicente Vidal, valorou moi positivamente o exemplo dado polos traballadores das contratas que ao longo destas tres semanas acudiron día tras día aos piquetes informativos diante das portas dos estaleiros. “Nin con presións, nin con ameazas, nin con artimañas de todo tipo puideron pasar por enriba do piquete. Estou moi orgullo de todos e todas vós, da forza e a determinación que demostrades para recuperar o que é voso”, afirmou.
Vidal subliñou que, a pesar da suspensión da greve, a loita non rematou, polo que agora toca “seguir pelexando nas mesas de negociación para evitar que se pacte nada por debaixo dos acordos salariais”. Así, está previsto que a partir de mañá comecen os contactos coas empresas para abordar a negociación de inmediato e darlle unha solución a esta problemática canto antes. Para isto, o obxectivo da CIG-Industria é marcar un calendario de negociacións intensivo.
Neste senso, Vicente Vidal recalcou que a greve non está desconvocada “senón suspendida de xeito temporal”, polo que, se as conversas se estancan “que non teñan dúbida que levaremos á asemblea a posibilidade de reactivar o paro”.
Resultado da votación
En canto á votación, celebrada en urna entre as 10 e as 14 horas deste xoves, arroxou un balance de 681 votos a favor de suspender de maneira temporal a greve e iniciar un proceso de negociación, mentres que 484 traballadores/as apostaron por manter o paro indefinido. Por estaleiros, en Fene rexistráronse 473 votos (203 pola negociación, 267 a favor de continuar coa greve e 3 brancos); e en Ferrol votaron 706 persoas, das que 478 estaban pola suspensión, 221 a favor da continuación da greve, 3 votos foron nulos e 4 en branco. En total, participaron no proceso 1.175 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.
Sobre os resultados, Vidal apuntou que participou moito persoal de oficina que, presumibelmente era máis favorábel á suspensión da greve que o persoal de obra. Así as cousas, a interrupción do paro farase efectivo este venres, para que o persoal acceda aos seus postos de xeito normalizado.