Chicharrón presentará o seu útimo LP, Postal (PRENOM). Ataque Escampe, pola súa parte, presentará o single Papá Borracho / Alan Lomax (Discos da Máquina), adianto do LP que publicarán no outono. Postal con palmeiras ardendo é o nome deste concerto conxunto.4
Postal con palmeiras ardendo terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 24 de xuño ás 20:30. O prezo das entradas é de 10 euros na billeteira e de 8 euros anticipada. Pódese comprar na propia billeteira do teatro e mais a través do servizo de venda de entradas d’Abanca.
As ATAQUE ESCAMPE (Roi Vidal, Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro, X. L. García Carlín e Álvaro Trillo) escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2007 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. En 2014 gañaron na categoría indie / pop dos Premios da Música Galega. Neste concerto presentarán os dous primeiros temas do seu próximo LP, «Papá borracho» e «Alan Lomax». Un merengue desgarrador o primeiro e unha historia sobre o pasado en clave de surf o segundo, ambos temas pódense escoitar no Bandcamp oficial do grupo e noutras plataformas mentres se prepara a edición física do LP, que publicará no outono de 2016 o selo Discos da Máquina. Os dous temas do single afondan na aproximación do pop ás músicas do hemisferio sur que a banda xa viña traballando nos seus anteriores traballos, pero nesta ocasión cun son máis cru e próximo ao directo, marca da casa do produtor Julio Vilariño Cabezas. O 30 de maio de 2016 saíu ademais o videoclip de «Alan Lomax», producido por Registro de Filmaciones.
CHICHARRÓN veñen de editar o seu segundo álbum, de título Postal. A banda carballesa, que acadou o recoñecemento de público e crítica co seu álbum de debut, introdúcese agora en novas sonoridades concentradas no papel das guitarras eléctricas. O grupo formado por Alberto Vecino, Diego Gende, Rubén Domínguez, Mar Catarina e Xurxo Meis constrúen ao longo dos doce cortes do disco un relato de amor e claridade, debuxando en galego un mosaico de sensacións susurradas, nas que as capas de emoción e a pulsión rítmica se superpoñen. As pegadas da viaxe déixanse notar, e nelas ábrese paso a electricidade, acollida entre atmosferas oníricas. Coa produción a cargo de Rubén Domínguez, baixista da banda, o disco foi gravado por Tomás Ageitos no Estudio A Ponte de Santiago de Compostela e masterizado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma de Hío, Cangas. O selo galego PRENOM é o encargado novamente de editar fisicamente o disco.