O informe da Axencia Ferroviaria Europea conclúe que a composición da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), nomeada polo Ministerio de Fomento, “non asegura a independencia da investigación”. A axencia europea tamén critica que a CIAF fixo énfase na causa directa do sinistro, o erro humano do maquinista, enon pescudou as súas “causas fundamentais”. Por iso, a axencia conclúe que o accidente de Angrois “aínda non foi estudado de xeito independente” como require a normativa europea e pide que se faga.
No accidente da curva de Angrois, na liña de AVE Ourense-Santiago, o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, non freou a tempo e descarrilou logo de recibir unha chamada do interventor do tren sen que existise ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste. O primeiro xuíz instrutor da causa imputou ata 27 cargos de Adif pero a Audiencia da Coruña revocou a súa decisión e un segundo instrutor propuxo o pasado outubro xulgar só o maquinista como único responsable. Ante esa situación, e á espera de que a Audiencia da Coruña se pronunciase sobre a proposta do instrutor, as vítimas do sinistro acudiron a Bruxelas o pasado novembro para pedir amparo das institucións comunitarias, tanto da Axencia Ferroviaria Europea como do Parlamento Europeo. A primeira comprometeuse a analizar o accidente e telo en conta no marco dunha investigación aberta contra España xa antes do sinistro pola lentitude do Goberno na adaptación da normativa estatal á europea, entre outras cuestións no referente á independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).
Foi esa CIAF a que en xuño de 2014 concluíu que o accidente de Angrois debíase exclusivamente ao despiste do maquinista, nun informe que serviu de base á súa vez para varias das peritaxes nas que se amparou o instrutor para pedir que se xulgase só ao condutor. Porén, a finais do pasado maio a Audiencia da Coruña rectificouno. Por un lado, restou validez ao informe da CIAF por consideralo non independente. Por outro, obrigou ao xuíz a ter en conta tamén outras peritaxes que acusan a ADIF de non ter analizado o risco que existía na curva de Angrois cando en 2010 decidiu non instalar alí o control constante de velocidade propio do AVE, o ERTMS que tería evitado o accidente, e cando en 2012 permitiu que Renfe o desactivase tamén a bordo dos Alvia. Detrás de ambas decisións está a figura do daquela director de Seguridad en la Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, imputado e desimputado en dúas ocasións e que tres anos despois do sinistro nunca declarou no xulgado. A reapertura da causa pola Audiencia da Coruña hai mes e medio deixa o caso novamente en mans do xuíz instrutor, que aínda non adoptou ningunha decisión.
Por outra banda, este mesmo xoves o presidente Feijóo asegurou que as vítimas tiñan “dereito” a coñecer o informe da UE e asegurou que el mesmo está interesado en coñecer todas as circunstancias do accidente. “A pesar de que as vítimas, algunhas delas, crean que a miña é unha posición pasiva, eu o que podo asegurar é que o que estou facendo é porque creo no estado de dereito e a política non pode ser corrosiva para buscar responsabilidades na administración da época”, dixo.