A CIG de Vigo convoca unha concentración na entrada das consultas externas do hospital Álvaro Cunqueiro este mércores ás 10.00 horas para denunciar a precariedade laboral no centro médico e a escaseza de traballadores/as en todas as súas áreas. Con esta mobilización a central quere reclamar tamén o rescate da sanidade pública e reivindicar un servizo gratuíto e de calidade.
Dende a Unión Comarcal da CIG-Vigo denuncian que a Xunta logrou finalmente que o novo centro médico da cidade estea privatizado e se atope en mans dunha concesionaria que é a que manda e ordena, “e que se lucrará durante 20 anos a costa da nosa saúde”.
Sosteñen que aparcadoiro privado está a deixar o maior beneficio económico para a empresa,” pero logo escatiman en contratar máis traballadores/as na area sanitaria e nas contratas de limpeza, cociña e mantemento”. Critican que co incremento de pacientes o Sergas dobrase as habitacións que son individuais, “facendo imposible que co mesmo persoal se poida atender como corresponde aos doentes”.
Ademais, inciden en que a comida que se serve é rexeitada polos enfermos/as, porque a pesar de que os empregados/as de cociña a elaboran coa maior calidade “o sistema de refrixeración que esixen o Sergas e a concesionaria fai que non estea en condicións para poder comela”. E censuran que a escaseza de persoal tamén estea a provocar que non se limpen as zonas máis importantes coa calidade axeitada, “o que significa que se poden xerar bacterias que afectan a nosa saúde”.
Finalmente, chaman a participar tanto na manifestación convocada pola central este 1º de Maio como na promovida pola Xunta de Persoal do Chuvi e pola plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da sanidade para o vindeiro 12 de maio.