A Plataforma Feminista Galega de Compostela reclama aos medios de comunicación que cumpran as diferentes recomendacións existentes sobre o tratamento da información sobre violencia machista e, na mesma liña que vén de facer o Colexio de Xornalistas, subliña a necesidade de respectar o Código Deontológico do Xornalismo Galego e as recomendacións da Declaración de Compostela. A PFG realiza este chamamento toda vez que en datas recentes se teñe publicado unha información nun medio de comunicación galego no que se incumpre gravemente ditas recomendacións, difundindo en dita información sobre unha denuncia por agresión sexual rumores e suposicións e non distinguindo entre feitos e opinións.
Para a Plataforma Feminista Galega, que lembra que as agresións sexuais están contempladas como violencia dexénero no artigo 2 da Declaración de Compostela, a utilización e difusión de rumores e interpretacións poden levar a xustificar dita agresión sexual ou mesmo a responsabilizar á vítima, extremo que nunca pode acontecer e que, polo tanto, resulta especialmente grave. Polo tanto, engaden, é necesario ter un especial coidado na utilización da linguaxe e nas expresións das informacións relativas a agresións machistas de todo tipo.
A eliminación de estereotipos, o respecto áos feitos sen introducir ningunha especulación ou opinión e, en definitiva, o cumprimento das recomendacións e acordos sobre violencia machista resultan fundamentais para os medios de comunicación, aos que a Plataforma Feminista Galega tamén lles pide un compromiso activo na loita contra a violencia de xénero. A PFG apostou tamén pola utilización dunha linguaxe inclusiva en todas as informacións como primeira norma para eliminar o machismo na comunicación.