Curtocircuíto e WOS volven aliarse por segundo ano consecutivo para traer á cidade de Santiago de Compostela un programa de vangarda para todos os públicos.
Ademais das sinerxías evidentes, esta alianza consiste nun intercambio de programación: Curtocircuíto porá cinema en WOS e WOS porá música en Curtocircuíto.
No marco da NoiteCurta#2 do vindeiro xoves 1 de setembro, inaugurarase.esta colaboración cun evento concibido por ambos os festivais conxuntamente. A cita será con Ulobit, nun marco incomparable como a Praza da Quintana compostelá. Ulobit presentará un espectáculo que toma como punto de partida unha selección de imaxes de arquivo de danza, gravacións de discos de gramófono manipuladas e os recursos rítmicos da zanfona. O instrumento fonde os seus acordes con texturas electrónicas e coa manipulación de vídeo en tempo real, obtendo resultados musicais que van desde a música ambiental ao ruidismo, pasando pola estética do erro sonoro/visual, o drone e a música incidental.
Os dous festivais composteláns realizan unha aposta firme por difundir as propostas culturais máis arriscadas, innovadoras e heteroxéneas do panorama internacional. Por iso, o seguinte paso desta colaboración será o comisariado conxunto dun programa de filmes musicais feito entre Curtocircuíto e WOS en estreita colaboración, tamén, con Numax, que será proxectado entre o 6 e o 8 de setembro.
Martes 6 de setembro ás 20:00
Step across the border (Nicolas Humbert & Werner Penzel, 1990). Entrada única: 4,5€
Este documental resultou galardoado na categoría de “Mellor Documental” nos European Film Awards de 1990, é un filme sobre a figura de Fred Frith, un guitarrista, compositor e improvisador inglés. Acompañando a Frith aparecen músicos da talla de René Lussier, Iva Bittová, Tom Cora, Tim Hodgkinson e John Zorn nun traballo vangardista que toma o seu título da letra da canción The Border de Skeleton Crew.
Mércores 7 de setembro ás 20:00
B-movie. Lust & sound in West Berlin 1979-1989 (Jörg A. Hoppe, Heiko Lange, Klaus Maeck, 2015). Entrada única: 4,5€
Proxectado na Berlinale, é unha lección de historia musical que culmina na caída do Muro de Berlín. Un percorrido nocturno, subterráneo e frenético pola cidade, no que van aparecendo Tangerine Dream, Die Toten Hosen, Christiane F. e o mesmo Nick Cave, a piques de iniciar The Bad Seeds, empregando imaxes de arquivo inéditas.
Xoves 8 de setembro ás 20:00
NICK CAVE: ONE MORE TIME WITH FEELING (Andrew Dominik, 2016), primeira oportunidade de escoitar Skeleton Tree, o álbum de estudio número 16 de Nick Cave & the Bad Seeds, un día antes do seu lanzamento.
E para completar esta colaboración, WOS será o comisario dalgunhas das propostas incluídas na programación musical de Curtocircuíto, que serán anunciadas proximamente co conxunto da programación.
O conxunto desta colaboración e froito dos lazos existentes entre unha xeración de axentes culturais que, desde diferentes espazos, traballan polo procomún da cultura da cidade de Compostela.