Compre non esquecer que en Galicia morre por suicidio unha persoa cada día e que esa realidade se agravou desde o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.
As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gubernamental coa banca e a súa agresividade respecto ao cobro do préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos.
Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando este estado de cousas se ve agravado pola crise, nos decatamos de que convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de prevención.
As recomendación da OMS comezan por afirmar que o suicidio pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio.
Para acadar ese obxectivo é necesario o compromiso de todos, e moi en especial de quen ha de gobernar Galicia no inmediato futuro, lembran do MGSM.
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM)
É un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública
de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores, Lenda), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar
e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais.