A primeira mesa vinculará a enfermidade mental e a pobreza e estará moderada pola psiquiatra Iria Veiga Ramos. Participará o psiquiatra Ramón Ramos Ríos, que abordará a pobreza e o trastorno mental grave; a psicóloga clínica Delia Guitián Rodríguez, que se centrará no suicidio; e Miguel Vieito Villar, xurista especializado en dereito á saúde e vogal do Comité de Ética Asistencial do CHUS, que se cuestionará sobre a relevancia xurídica dos factores emocionais.
Á continuación, comezará unha conferencia coloquio, presentada pola psicóloga clínica Rocío Basanta Matos, e que levará o título "A exclusión social en Galicia". A conferencia correrá por conta de Pedro Fuentes Rey, sociólogo e membro do equipo de estudos de Cáritas Española.