Case 100.000 desempregados galegos non perciben ningunha prestación. Son 99.111 persoas que non reciben ingreso algún por estar no paro, nin prestación contributiva nin axudas ou subsidios. Ataxa de cobertura sitúase así no 53,3%, afastada en 5 puntos da media do Estado, quue é de 58,2. En Galiza son 93.934 as persoas rexistradas no desemprego que perceben unha prestación: Mais destas só 39.702 obteñen prestación de carácter contributivo, é dicer, a que cobra polo que cotizou. E a contía destas prestacións en Galiza é das máis baixas do Estado. En xullo, a contía media bruta da prestación contributiva percibida por beneficiario foi de 780,7 euros (802,3 no Estado). As contías medias das prestacións asistenciais (subsidios, renda activa de inserción e PAE), é de 426 euros.
De mirar ao mesmo período de 2015 comprobamos que a taxa de cobertura era de 54,6%. Máis de 106.000 desempregados recibían unha prestación. E era unha porcentaxe baixa a respecto de anos anteriores. No 2009, cando a crise xa batía con forza, a mencionada taxa era do 63,2%. Desde entón até agora caeu en 10 puntos.
O enquistamento do desemprego de longa duración é unha das circunstancias que explican esta importante caída na cobertura ás persoas desempregadas en Galiza. En Galiza son case 100.000 as persoas rexistradas no paro que non cobran prestación algunha. Os sindicatos advirten que é un colectivo que está en forte risco de exclusión social. A taxa de cobertura de desemprego está en mínimos históricos, por moito que baixe oparo a situación das persoas no desemprego non mellora.